Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Ribadeo respóstalle a Feijóo que é a Xunta a que debe axudar a substituír a rede de abastecemento

Por 17 Setembro, 2019Sin comentarios

O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez, fixo pública a reposta que lle enviou por escrito á Núñez Feijóo con relación á súa disposición a solucionar o problema do abastacemento. O rexedor comeza dicindo que se enterou polos medios de comunicación da resposta do presidente da Xunta á petición de entrevista con el formulada polos rexedores de Trabada e Ribadeo.

Non entendo moi ben, sinala Suárez, o proceder na comunicación da mensaxe, pois a día de hoxe non entrou formal nin informalmente a súa comunicación pola canle pola que as administracións nos comunicamos, isto é, por rexistro oficial. En todo caso, ao vostede querernos comunicar a súa mensaxe ao tempo que a toda a cidadanía, pois eu escollo o mesmo xeito de resposta cordial.

Tras agradecer a felicitación da victoria municipal por parte de Feijóo a Suárez e mais aló destes cumpridos, como sinala o alcalde ribadense, vexo que me indica a variada normativa pola que, segundo vostede, os Concellos nos debemos de converter en pequenas cidades-estado e resolver os problemas básicos cos nosos medios, e en troques, a Xunta de Galicia pouco máis pode que dar ánimos, folgos e, se cadra, algunha axuda puntual. 

Fala, entre outras cuestións, da gracia que a Xunta concedeu a Ribadeo coa construción dunha depuradora. E é ben certo, mais non foi curiosamente no seu goberno, senón o bipartito anterior. Debo lembrarlle que o goberno que vostede preside tan só asistiu ao acto de inauguración no ano 2009, poucos días despois de ser vostede investido presidente de tódolos galegos e galegas. E, como saberá, o custo da xestión desa explotación é pagado con cargo ao canon de saneamento ao que todos contribuímos, polo que non saen os recursos de partidas de investimento da súa administración”. 

No escrito enviado polo presidente autonómico manifestou que, segundo o informan desde Augas de Galicia, no ano 2014 a Xunta de Galicia ofreceu a súa axuda e que Ribadeo non actuou de xeito correcto, pouco menos que rexeitándoa. 

“Supoño que non crerá sinceramente que un asunto tan importante como o abasto de auga, no que levamos traballando sen descanso cando menos desde o 2007, e solicitando axuda a diferentes gobernos autonómicos, ía ser despachado sen máis cunha desatención palmaria pola nosa parte”, obxecta Suárez, quen engande que os servizos que asesoran ao presidente informárono mal nesta ocasión, xa que “o único que nos pediu Augas de Galicia en escrito recibido o 11/12/2014 con relación a un proxecto para a construción dun depósito, foi a certificación urbanística dos terreos da previsible situación, algo que dilixentemente mandamos de xeito inmediato, xunto con outras observacións das deficiencias observadas polos técnicos municipais sobre o proxecto que a Xunta tiña redactado”.

Con todo, o rexedor lembra que iniciaron igualmente en Ribadeo os trámites para expropiar os posibles terreos da situación do novo depósito, proceso que comezou coa aprobación definitiva do PXOM no ano 2014, no que se vinculaban a esa finalidade. A expropiación en si rematou co acordo do Xurado de Expropiación de Galicia de 25/04/2019.

Engade que nunca máis souberon en Ribadeo nada formalmente das suxestións técnicas enviadas para mellorar o proxecto técnico en cuestión, ou mesmo da “suposta” petición dos terreos por parte da Xunta de Galicia ao Concello de Ribadeo. E invita ao presidente a revisar o rexistro oficial do Concello para comprobar a veracidade desta afirmación.

Lémbralle Suárez que a solución aos problemas de subministración de auga que padecen Ribadeo e Trabada non depende principalmente dun hipotético novo depósito, senón da substitución dos máis de vinte quilómetros de acometida de auga de 300 mm. que actualmente discorre na súa meirande parte pola traza da antiga liña do ferrocarril mineiro de Vilaoudriz a Ribadeo.

Deducen en Ribadeo que o proxecto que a Consellaría de Medio Ambiente redactou daquela, o global, non a separata do depósito, contemplaba unha nova localización nas tubarías de transporte de auga por camiños ou espazos públicos, aínda que o descoñecen porque desde a Xunta non lles comunicaron máis nada sobre unha posible actuación de mellora e renovación da rede de auga, nin chegaron a enviar proxecto algún, e moito menos, dialogar formalmente co alcalde para ver por onde podería pasar a posible nova acometida de augas.

Soamente nestes últimos tempos, e por mor doutro dos múltiples escritos (que se achega a este escrito) enviados desde Ribadeo, o alcalde requiríu que a Xunta dera copia do que tivesen nos seus arquivos. Esta petición foi finalmente atendida hai cinco semanas.

“Cando lle escribiron os informes internos, non sei se lle comentaron tamén o que o ex Director de Augas de Galicia, o Sr. Roberto Rodríguez, recoñeceume a min persoalmente a modo de confesión cristiá (é posible que tivera algún remorso de conciencia) que o proxecto de substitución da totalidade da acometida de auga de 5,5 millóns de euros era moi grande para que a Xunta investise en Ribadeo, pero que tiveron a intención de facer unha primeira fase coa construción do tan traído e levado novo Depósito. Logo indicoume que, coincidindo nas datas coa nosa dilixente resposta de data 28/01/2015 sobre a certificación urbanística requirida por Augas de Galicia, tamén tiveron un informe desfavorable do Departamento de Intervención da Xunta, sobre a posibilidade de aplicar fondos europeos para a construción deste depósito, posto que o financiamento da UE só podía ser para proxectos completos, e este non o era, ao ser só unha primeira fase”.

De aí, entende Suárez, que nunca máis volveran saber nada, nin da “primeira fase” nin do proxecto completo, tampouco incluso nestes derradeiros anos en que houbo, di, gravísimos problemas con vertidos de lixiviados no Río Grande, onde hai outra captación menor de auga, que é a que a nivel moi precario vén salvando cando rompe a traída principal.

O alcalde califica de incompetencia a actuación de varios dos departamentos da Xunta, como Augas de Galicia, Dirección Xeral de Saúde Pública, Control de Vertidos, etc. o que, segundo o rexedor, provocou que, despois de numerosísimas denuncias durante tres anos sen que nos fixeran caso algún, tivera Ribadeo que rematar acudindo á Fiscalía de Lugo para denunciar, coa impotencia de ver como se podían sistematicamente verter lixiviados contaminantes a un río, sen que ningunha autoridade autonómica fixera o máis mínimo por evitalo, mais aló de convidarnos a cesar a subministración neses puntos de captación, no caso de non ser a súa auga apta para o consumo. 

“Tamén, e para sermos francos de todo, pódolle dicir que algún tipo de compaixón por nós debeu sentir o daquela Director Xeral de Augas de Galicia, Sr. Roberto Rodríguez, por toda esta situación que describo, posto que me chegou a ofrecer algunha pequena actuación a modo de “parche”. Nós, que antepoñemos o servizo público e o benestar cidadá por riba de calquera estrataxema política, aceptamos o ofrecemento e suxerímoslle (de acordo cos técnicos municipais) volver a usar os vellos mananciais chamados As Fontes do Lobo (que era o lugar da antiga captación de auga de Ribadeo de mediados do século XX e que estaban abandonadas e en desuso desde hai máis de 25 anos), sendo conscientes ambos de que en ningún caso sería caudal abondo para resolver as necesidades do Ribadeo actual, mais confiando que este pequeno alento de aporte de auga puidera ser un alivio á precaria situación que padecemos”, engade Suárez.

Parece ser que este proxecto foi elaborado (non o podemos asegurar porque a Consellaría de Medio Ambiente nunca nolo remitiu), posto que Ribadeo viu as partidas económicas consignadas nos orzamentos da Xunta de hai dous exercicios. Pero a Xunta, matiza, nunca licitou nin executou este proxectiño cativo de poñer a funcionar as vellas Fontes do Lobo.

Sobre que outras administracións, nomeadamente a Deputación de Lugo, teñen capacidade para axudar a Concellos de menos de 20.000 habitantes. Quizais se deba ter en conta e admite o rexedor que quizáis haxa que chamar novamente ás súas portas, como fixeran con fortuna para outros proxectos que pasarán á historia como o paradigma da boa política social, isto é, para a construción e xestión posterior dunha nova residencia para persoas maiores en Ribadeo, e que tristemente, e a pesares de telo pedido encarecidamente, non contou con un só céntimo de euro da Xunta de Galicia, precisamente a administración que ten as competencias de cheo nesta materia social.

“O porqué de todo isto deduzo que, como noutras moitas cousas, poida ter orixe en estratexias electorais, aínda que vostede, mellor que ninguén, debe saber a clave”, argumenta.

Con todo, o alcalde lémbralle ao presidente da Xunta que é obriga e competencia do Goberno galego destinar o recadado dos galegos e das galegas, tamén dos de Ribadeo, do Canon da Auga que periodicamente e desde hai 10 anos se inclúe en cada recibo da auga que os abonados pagan. Cada ano, desde hai 10, a Xunta de Galicia recada en Ribadeo uns 200.000,00 € en concepto de Canon da Auga, e outros tantos cartos en Canon de Saneamento.

Cinxíndose tan só ao Canon de Auga, doadamente facendo a conta, segundo o alcalde, veñen saíndo uns 2.000.000,00 euros entregados á Xunta, precisamente para a realización de infraestruturas hidráulicas como a que Ribadeo leva anos demandando sen éxito desde os Concellos de Trabada e Ribadeo.

O rexedor apostilla que é sabedor de que o destino dos fondos é discrecional e arbitrario. Por iso pide que desta volta, a discrecionalidade e a arbitrariedade vaia en favor dos que levan unha década sen recibir neste concepto de abasto de auga un só euro. 

O alcalde con todo asegura que encara este novo mandato con ilusión, ánimo e espírito de colaboración entre as diferentes Administracións. E por iso pídelle ao presidente da Xunta que escoite ao ribadenses e acceda a buscar unha solución posible, viable e realizable para acadar unha subministración de auga continua e de calidade para os veciños e veciñas de Trabada e Ribadeo, con independencia da opción lexítima a quen teña apoiado a cidadanía destes concellos en pasadas eleccións. 

O rexedor atrévese mesmo a pedirlle que sexa valente, a predicar co exemplo de ser unha persoa de Estado, para non deixar por máis tempo desatendida a esta poboación de Trabada e Ribadeo. E sinala Suárez que á vista están os convenios bilaterais que publica periodicamente o Diario Oficial de Galicia de actuacións de auga con outros concellos do país.