Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Propoñen crear espazos para persoas e para animais nos parques de Viveiro

Por 23 Setembro, 2019Setembro 26th, 2019Sin comentarios

O Grupo Municipal do Partido Popular de Viveiro insta ao Concello a adaptar os parques públicos para uso compartido por persoas e animais de compañía. Deste xeito, os populares consideran que esta iniciativa se pode levar a cabo acotando certas zonas de paseo libre por tamaños, portas de acceso dobres, fontes de auga para cans e persoas, zona na que os animais realicen as súas necesidades, de xogos e contedores específicos. Asemade, consideran tamén prioritario crear unha comisión, na que exista representación de cada grupo político, así como técnicos de urbanismo, veciños e colectivos interasados para acordar os emprazamentos máis axeitados, e unha ordenanza ao respecto que regule estas cuestións.

No marco do compromiso que os populares asumen con esta moción, e en aras de sumar, propoñen como primeira ubicación o parque situado enfronte ao Eccehomo, na zona da Misericordia. Dende o PP consideran que así se contribuiría a paliar “un problema diario de limpeza e salubridade sobre o que os veciños e veciñas nos teñen trasladado as súas queixas”.

Os populares consideran que“as vías públicas e privadas de uso común se atopan nun estado lamentable” e o abandono de excrementos nas vías públicas e privadas de uso común  “estase a converter nun dos principais problemas, entre outros, de limpeza e hixiene no noso concello. Ademais, engaden, “debemos ter presente a mala imaxe que isto ofrece ás persoas que visitan Viveiro”.

“Non se trata só dun problema visual ou olfactivo, senón tamén de saúde pública”, defenden. Nese sentido, sinalan que “o maior grupo de risco son os nenos e nenas, que poden resultar parasitados, debido ao contacto coa terra ou con obxectos en contacto cos excrementos dos cans que non se recollen das rúas”. Outros grupos de risco poden ser as persoas inmunodeprimidos, pacientes sometidos a tratamentos oncolóxicos, transplantados, persoas maiores e mulleres embarazadas porque “todos eles son vítimas fáciles destes parasitos que poden vivir durante moito tempo no medio ambiente”.

Os populares viveirenses lembran que “a Ordenanza Local de Policía ou Bo Goberno establece como norma básica de urbanidade e respecto os seus concidadáns, os donos de animais domésticos que circulen polas vías públicas urbanas estarán obrigados a recoller as deposicións dos mesmos e depositalas en papeleiras, contedores ou demais instalacións o efecto”. Igualmente, “a Constitución Española recolle o dereito de tódolos cidadáns a desfrutar dun medio ambiente adecuado para o desenvolvemento da persoa e o deber dos poderes públicos de velar pola utilización racional de todos os recursos naturais co fin de protexer e mellorar a calidade de vida e defender e restaurar o medio ambiente”.

Polo tanto, “a lexislación vixente obriga ao propietario do animal a recoller de forma inmediata os excrementos”. Así mesmo, é de uso obrigado o microchip que permite a identificación do animal e do seu propietario co que, ademais, se procura evitar, en certa medida, o seu abandono.

Dende o Grupo Municipal do PP instan ademais ao Goberno Local, a través da moción, a que“se comprometa a facer cumprir o establecido na Ordenanza da Policía e Bo Goberno en relación co artigo 58, onde se fai referencia a tenencia de mascotas” e “a elaborar e someter a pleno unha ordenanza de mascotas, onde se regule a tenencia, control e protección dos animais, especialmente en materia de censo canino, así coma as sancións pertinentes”. 

ALCOA. No marco do frente común liderado e anunciado en días pasados polo PP, os populares de Viveiro pedirán no vindeiro Pleno que o Concello inste ao Goberno Central a cumprir todos e cada un dos compromisos asumidos recentemente pola ministra de Industria para garantir a actividade industrial e os empregos, tanto directos como indirectos, que xera Alcoa; a principal empresa da Mariña e da provincia.