Skip to main content
ActualidadeAlfozFozMondoñedoO ValadouroSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Tres escolas da Mariña incorporan modelos plurilingües e o IES de Mondoñedo amplíao

Por 25 Setembro, 2019Sin comentarios

O curso 2019/20 comeza cun total de 54 centros con modelo plurilingüe na provincia de Lugo, dos que 6 se incorporan por primeira vez ao proxecto plurilingüe que promove a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ao abeiro da estratexia galega de Linguas Estranxeiras Edulingüe 2020; mentres que outros 4 centros que xa eran plurilingües amplían esta ensinanza a outras etapas educativas. Destacan na Mariña as escolas de Alfoz, O Valadouro e o número 1 de Foz, así como o IES de San Rosendo de Mondoñedo.

Este modelo plurilingüe -que implica a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira- comezouse a aplicar no curso 2010/11 para as etapas de educación obrigatoria, isto é, de Primaria e ESO (o denominado Plurilingüismo clásico). Xa a partir do curso 17/18, a Consellería de Educación ampliouno ás etapas de Infantil (Plurinfantil), Bacharelato (Pluribach) e Formación Profesional (PluriFP).

Na provincia de Lugo, por etapas hai 5 centros que incorporan por primeira vez a ensinanza plurilingüe ás etapas obrigatorias, outros 3 esténdeno á etapa de infantil (todos eles xa eran plurilingües noutras etapas), 1 esténdeo a Bacharelato (aínda que xa era plurilingüe) e 1 incorpórase novo á Formación Profesional, PluriFP.

A relación de centros que se incorporan ao modelo plurilingüe ou o amplían é a seguinte: por primeira, o Ceip do Castro de Ouro de Alfoz incorpórase na etapa de Educación Primaria, tamén por primeira vez o Ceip de Foz número 1 na mesma etapa educativa, ao igual que o fai no mesmo período académica o Ceip Santa María do Valadouro. E continúa o IES Plurilingüe de San Rosendo ampliando á etapa de Pluribacharelato.

En Galicia hai xa 377 centros con plurilingüismo en Primaria ou ESO (ou en ambas etapas), 170 con PluriInfantil (que contan tamén, na súa maioría, con plurilingüismo en Primaria), 13 con PluriBach (que tamén pode ser combinado con outra etapa) e 23 imparten ciclos formativos de FP nalgunha lingua estranxeira. A maiores, as seccións bilingües increméntanse este curso ata chegar a un total de 4.647 en 727 centros educativos.

Para dar apoio a estes estudantes beneficiados, arredor de 110.000 alumnas e alumnos, a Consellería pon ao servizo da comunidade educativo un total de 617 auxiliares de conversa nativos, na mesma liña que o pasado curso, aínda que poderán atender un maior número de centros porque se lles amplía o horario. Cómpre lembrar que todos os centros plurilingües son dotados cun auxiliar de conversa. 

A figura do auxiliar de conversa é un elemento clave para achegar a realidade cultural e lingüística do país de orixe ao alumnado galego. Levan a cabo un importante servizo complementario, ao apoiaren o labor do profesorado, facilitando prácticas de conversa en linguas estranxeiras; e representan un vehículo de achegamento á cultura dos países onde se fala a lingua obxecto de estudo.