Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Nova campaña para impulsar o consumo dos produtos de mar entre millenials

Por 26 Setembro, 2019Sin comentarios

A Consellería do Mar presenta a campaña Vai de peixe destinada a impulsar o consumo de produtos do mar e da acuicultura entre os consumidores da franxa de idade entre os 18 e os 35 anos, os coñecidos como millennials. Deste xeito a Consellería do Mar lanza por primeira vez unha campaña dirixida especificamente a este segmento de público e realiza un novo xeito de promoción con difusión exclusiva en redes sociais coa finalidade de promover os beneficios dos produtos do mar entre a xente nova. 

A Xunta arranca Vai de peixe coa posta en marcha da páxina web, dunha canle de youtube e dun perfil de instagram desta iniciativa que fomenta hábitos de alimentación saudable e o consumo habitual de peixes e mariscos entre os consumidores con idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos, un segmento da poboación que se atopa en plena fase de formación profesional e/ou emancipación e que comeza a estar especialmente concienciado cunha nutrición equilibrada e sa.

A campaña contempla diferentes accións que se basean en difundir receitas fáciles, informacións sobre os produtos de pesca e na organización de diferentes eventos como as visitas dun tráiler a zonas universitarias e/ou estudantís de Galicia nas que se fará un showcooking por parte dun cociñeiro, co obxectivo de que a xente nova probe os produtos do mar e da acuicultura. Tamén prevé a realización de concursos e charlas motivadoras, entre outras accións. 

Estas actividades iranse difundindo progresivamente a través da web, o perfil de instagram e o canal de youtube de Vai de peixe. Para iso contará con catro influencers que actuarán como prescriptores e dinamizadores da campaña e do seu contido. Elas e el son a atleta olímpica Ana Peleteiro, a presentadora Eva Iglesias e os youtuber Percebes y Grelos e Coque Macho. 

Con todas estas accións, que se prolongarán durante este curso 2019-2020, Vai de peixe busca orientar á mocidade na compra e no cociñado dos peixes e mariscos promovendo as súas propiedades nutricionais e amosándolle a versatilidade gastronómica destes produtos cos que en pouco tempo se pode conseguir un prato saboroso con peixe e marisco como protagonista.