Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Ribadeo lembra o centenario do naufraxio do buque Fernando Villamil

Por 27 Setembro, 2019Sin comentarios

O Forte de San Damián acolleu o acto para conmemorar o centenario do naufraxio do bote Fernando Villamil, que se cumpre o 28 de setembro de 2019. No mesmo interviñeron a concelleira de Cultura, Pilar Otero, o alcalde, Fernando Suárez, e o cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez. 

A edil ribadense lembrou como chegou o bote Fernando Villamil a Ribadeo: “a Sociedade de Náufragos foi unha das primeiras do Cantábrico e decidiu traer aquí un bote de salvamento último modelo, coas últimas novidades técnicas hai cen anos. Entón se botou ao mar e probouse, naquel momento ían uns cantos tripulantes e entre eles o presidente da Sociedade, pero houbo un desgraciado incidente e froito del morreron tres persoas e dende aquela aquí o temos castigado. Vainos contar un pouco máis desta historia Lalo (Eduardo Gutiérrez), que é realmente a persoa ilustrada sobre o tema, que publicou un libro do que entregamos a todos os asistentes unha separata onde se conta isto. O seu libro non soamente fala disto pero, xa que este acto ten que ver con ese centenario que se cumpre nun par de días, nos pareceu acaído traer esta separata e entregala aquí”.

O cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, fixo un relato do naufraxio do bote salvavidas Fernando Villamil e tamén doutros acontecementos históricos que tiveron lugar no Forte de San Damián. O seu discurso comezou así: “conmemoramos hoxe o naufraxio hai un século deste bote salvavidas que leva por nome Fernando Villamil, o ilustre mariño  de Serantes, morto en Santiago de Cuba cun monumento que o lembra na outra banda da Ría de Ribadeo, en Castropol. Tamén no seu honor a Sociedade Española de Salvamento de Náufragos. de Ribadeo quixo honralo bautizando asi a embarcación, de cuxa traxectoria poden ter vostedes cumprida noticia por medio da separata que se lles entrega. Faleceran tres mariñeiros naquel infausto naufraxio de hai xusto cen anos. Lembrámolo con esta sucinta información xa que aquel bote é este que aquí se expón: insumerxible e autoadrizable”.

E remataba deste xeito: “a expectación hai un século era moita porque ademais tiña a embarcación unha forma característica, xa que levaba dous tambuchos estancos a proa e popa que o facían insumerxible, ademais dun dispositivo para autoadrizar na obra viva da embarcación, ou sexa enriba da quilla. A partir de aí o bote voltou ao seu almacén sempre agachado, excitador da curiosidade e o morbo infantil e que dou lugar a versións fantásticas, tanto do accidente como do seu destino, pensando que estaba “arrestada” pola autoridade militar da que por certo non dependía, aparte de que os castigos ás cousas non figuran no código de xustiza militar. Despois rematou abandonado na vía pública e, ao cabo, recolleuse onde agora se atopa, no lugar exacto que ocupou o polvorín do Forte”.

O rexedor, pola súa banda, referiuse á rica historia coa que conta Ribadeo e avogou pola posta en marcha dun espazo museístico no Forte de San Damián: “retomo esta idea, xa que temos ingredientes de historia, a ver si con diálogo pausado pero serio e riguroso, coas demais administracións podemos facer algo máis. Ben sexa co galeón ou con poñer en valor este espazo tan bonito e ademais de celebrar vodas e cuestións de arte que facemos moitas veces, a ver se lle podemos dar un pouco máis de intensidade. Evidentemente para darlle máis intensidade necesitamos máis cartos tamén e os cartos veñen das administracións públicas, entón a ver se entre todos podemos poñer un pouco de nós para botar luz. A min enorgulléceme moitísimo ser dun Concello onde falamos de xarróns do século XVI como se faláramos de cousas cotiás, e é algo marabilloso que non moitos poden dicir o mesmo. Hoxe, no Concello, unha persoa falando das Fontes do Lobo aló polo ano 1536 e dixen pois a acta témola aquí, fun ao arquivo e vimos a acta de 1536, e o interlocutor quedou alí como dicindo pero estou en Simancas ou onde estou, e dixen non, estás no Concello de Ribadeo”.

Ao remate das intervencións tivo lugar o descubrimento dunha placa ao pé do bote salvavidas Fernando Villamil para conmemorar o centenario deste naufraxio e para achegar a súa historia a aquelas persoas que visiten o Forte de San Damián. 

DISCURSO DO CRONISTA. O cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, ofreceu o discurso inaugural para conmemorar o xoves, 26, o naufraxio, hai un século, do bote salvavidas que leva por nome Fernando Villamil, o ilustre mariño  de Serantes, morto en Santiago de Cuba cun monumento que o lembra na outra banda da Ría de Ribadeo, en Castropol. Tamén no seu honor a Sociedade Española de Salvamento de Náufragos de Ribadeo quixo honralo bautizando así a embarcación. Faleceran tres mariñeiros naquel infausto naufraxio de hai xusto cen anos. Lembrámolo con esta sucinta información xa que aquel bote é este que aquí se expón: insumerxible e autoadrizable, matizou o cronista durante o evento.

A información que fornece este panel e mais a que aporta a separata, excúsanme de facer unha longa intervención. Os naufraxios forman parte da historia da Ría ou sexa do porto de Ribadeo que tradicionalmente e até épocas moi recentes operou como un fondeadeiro e cuxa situación foi determinante para a historia da vila como é sabido e como acreditan os restos arqueolóxicos que non esconde a Ría, xa que se coñecen, senón que garda e acobilla, apostillou Gutiérrez.

A propia Coroa española destacou o papel da axuda da poboación ao galeón Santiago, que se afundiu aquí, en 1597, pero co paso do tempo e dada a frecuencia dos sinistros marítimos dotouse Ribadeo dunha agrupación local da SESN, cuxo modelo como se sabe son as agrupacións inglesas dedicadas a tal fin. Era un asunto importante e o certo é que moitos dos datos recollidos na separata proceden da prensa da emigración americana, sempre pendente dos asuntos de Ribadeo. E unha desas materias era a seguridade portuaria. 

Fálase moito do porto e do seu carácter estratéxico e é certo: este mesmo lugar contemplou o desembarco dos ingleses en 1719, fará mañá trescentos anos xustos. As fragatas británicas chamábanse Weymouth e Galley de 50 e 20 canóns respectivamente, e ao rematar regresaron a Porsmouth. Non se produciron danos nen baixas, aínda que si un rescate, que houbo que negociar para rebaixar as primeiras esixencias.

As dúas fragatas españolas surtas na Ría foron queimadas pola propia tripulación, para evitar que as capturaran. Ambas participaran en levar tropas a Escocia, que foi a verdadeira causa da guerra. O Forte ribadense foi a base de operacións da escuadrilla británica perante uns días, os das negociacións, posto que a liorta durou moi pouco.

As defensas militares, como relatou o cronista, normalmente estaban servidas por civís obrigados a facer guardias e prestacións. As decisións políticas tomábanse na Corte e a realidade práctica era moi precaria. Gutiérrez puxo un exemplo: en 1638 perante a guerra con Francia e Holanda, o Concello de Ribadeo toma o acordo de retirar a artillaria deste Forte “donde fácilmente pueden tomarla los enemigos”, dise textualmente nunha acta municipal dese ano.

As instalacións non eran seguras nen sequer como cárcere, como demostra o feito de que en 1808 uns oficiais franceses retidos no Forte tiveron que ser acollidos na casa dos Miranda. Eran tempos moi convulsos e seguramente xa saben que había xente moi interesada en axitar os ánimos e mais neste caso, posto que un dos franceses tiña un ollo de cristal, feito que segundo afirma Hernandez Sampelayo contribuia á súa fama de diabólicos. Corrían o perigo de seren linchados.

A guerra da Independencia desenvolveuse aquí con tempos marcados pola proximidade do porto ás operacións en Asturias, e nese tempo axitado e confuso comeza a desfeita e ruina material deste Forte. No século XIX funcionaron duas entidades armadoras en Ribadeo e no XX inaugurouse un cargadoiro de mineral. Son feitos moi lembrados e glosados. O bote é un testemuño da nosa propia historia, aínda que neste caso luctuoso.

A expectación hai un século era moita porque ademais tiña a embarcación unha forma característica, xa que levaba dous tambuchos estancos a proa e popa que o facían insumerxible, ademais dun dispositivo para autoadrizar na obra viva da embarcación, ou sexa enriba da quilla. A partir de aí o bote voltou ao seu almacén sempre agachado, excitador da curiosidade e o morbo infantil e que dou lugar a versións fantásticas, tanto do accidente como do seu destino, pensando que estaba “arrestada” pola autoridade militar da que por certo non dependía, aparte de que os castigos ás cousas non figuran no código de xustiza militar. Despois rematou abandonado na vía pública e, ao cabo, recolleuse onde agora se atopa, no lugar exacto que ocupou o polvorín do Forte.

A información ofrecido no panel e na separata repartida entre os asistentes, sinalou Gutiérrez, chega para satisfacer a curiosidade cultural de todos e comemorar un centenario que orixinalmente  caracterizou toda unha época. As restantes e breves referencias haberá que completalas, do mesmo xeito que evocamos os soberbos buques ribadenses que fondearon no canal: os de maior porte: a fragata Casas, de 1857 de 650 toneladas de rexistro bruto e 43 metros de eslora e a corveta Juliana González, da armadora Bengoechea botada en 1867 e de 350 TRB. Son unha parte da nosa historia, contemplada onte e evocada hoxe desde este mesmo e privilexiado lugar, hoxe un recanto sobranceiro da nosa historia que lembramos con agarimo, finaliza o cronista.