Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXATrabadaZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O alcalde de Ribadeo valora a xuntanza mantida na Xunta polo problema da auga

Por 2 Outubro, 2019Sin comentarios

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, valora de xeito positivo o resultado da reunión mantida na Xunta para solucionar os problemas do abastecemento de auga a Ribadeo e Trabada. 

O rexedor dixo que “esta xuntanza que mantivemos a tres bandas (o Concello de Trabada, o Concello de Ribadeo e a Xunta de Galicia, a través da conselleira de Infraestruturas) foi unha reunión positiva porque sempre que alguén se xunta para intentar buscar unha saída a un problema común, no que todo o mundo se ten que implicar, valórase positivamente que se intenten poñer de todas as partes o esforzo e o ánimo para seguir traballando de cara a buscar canto antes unha saída a esta problemática dunha tubaxe que ten moitos anos, que é moi vella, pero que dá subministro a milleiros de persoas entre Trabada e Ribadeo, que rompe frecuentemente e que o día menos pensado nos podemos quedar sen subministro de auga por unha rotura que non se poida reparar con certa celeridade”.

Suárez Barcia contou que “de aí que por parte da Xunta vaise volver revisar ese proxecto que tiña feito do ano 2011, desde os Concellos de Trabada e Ribadeo aportaremos as opinións técnicas honestas que consideremos para mellorar o proxecto e tamén, desde logo, chamaremos a todas as portas, tamén ás da Deputación e ás do Ministerio de Medio Ambiente ou da Confederación Hidrográfica porque entendemos que é un proxecto supramunicipal e que todo o mundo ten que poñer o seu grao de area para lograr que todo isto vaia adiante”.

O alcalde ribadense engadiu: “polo tanto pola nosa parte vémolo moi positivamente e esperamos seguir traballando con discreción, pero co ánimo de buscar unha solución que resolva estes problemas endémicos que estamos padecendo desde hai moitos anos”.