Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Teatro Pastor Díaz ofrece funcións ata fin de ano

Por 5 Outubro, 2019Sin comentarios

Viveiro subirá o telón de outubro a decembro. A primeira función para todos os públicos titúlase Casa Macho e a interprétaa o grupo de teatro afeccionado Obra Viva. Vicente Míguez dirixe a 17 actores nunha obra que fala dun conflicto familiar e de machismos, en clave de humor. Coma as restantes actuacións escenificarase no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, neste caso ás 20.00 horas, aínda que a meirande parte serán ás 20.30.

O Batán de Foz, que forma parte dos grupos inseridos no programa provincial Buxiganga, interpretará Bicos de Vinagre o sábado, 12 de outubro. É unha obra de Francisco Piñeiro, dirixida por María Paz Rodríguez, na que interveñen seis actores para falar de relacións entre pais e fillos e a desestructuración da familia tradicional.

As fillas de Eva é a obra coa que subirán, o sábado 19, ás táboas, nove actrices do grupo Nova Escena, que tamén participa do Buxiganga. Interpretarán un drama dirixido por María Márquez e escrito por Xoán Carlos Laxe que narra un tempo de guerras no que unha muller loita por sacar á súa familia adiante.

Do 25 ao 27 de outubro o público poderá asistir ao certame Superarte, con funcións nas que participan persoas con diversidade funcional.

E o sábado 2 de novembro chega a obra de teatro contemporáneo, tamén ás 20.30 horas do será, do grupo Artesacía, da Rede Galega de Teatros e Auditorios, RGTA. Será coa obra Chola a it girl, cuxa autora é Laura Villaverde, que tamén a dirixe e que interpretará a unha mecánica de coches, blogueira e youtuber galega que subirá ás táboas a un Opel Calibra desde onde transmitirá estratexias para descubrir de onde vimos.

Saabor, de RGTA, é a comedia que se escenificará o 9 de novembro, ás 18 horas, dirixida ao público infantil. Dirixida por Avelino González e interpretada por Félix Rodríguez e Fran Rei trátase dun espectáculo cómico que mestura música, maxia, humor e a participación do público, co mundo da gastronomía co telón de fondo.

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, RGTA, de novo subirá ao escenario vivariense o sábado 16 de novembro coa comedia Sénior, na que Luís Iglesia e Marcos Orsi, dirixidos por Avelino González, reflexionarán con humor sobre a chegada á terceira idade.

Os fillos do sol é a comedia que porán no escenario Contraproduccións Falaredes o domingo 17, ás 20 horas na que Cándido Pazó, como autor e director, especula sobre a obsesión de Eduardo Pondal coa obra que ocupou a súa vida como escritor, Os Eoas.

Rematará esta parte do ciclo teatral co concerto de Santa Cilla, o 23 de novembro, ás 21 horas, interpretado pola Banda Municipal de Música de Viveiro no Teatro Pastor Díaz, ademais de coa función Mai Mai, de Baobab Teatro, do RGTA. Coa historia do último oso panda desfrutarán os nenos, ás 18 horas do sábado 30 de novembro.

E xa en decembro, o 7, ás 20.30 horas, Talía Teatro pon sobre ás táboas a comedia Vida de cans, de Cándido Pazó e adaptada por Dani Trillo. Tres actores interpretarán a tres cans recluídos nun recinto fóra do cal está a liberdade.

Os libros contraatacan é o título da obra de Anxo Mancel Lamelo para Lucecús Proscenio que chega a Viveiro o 14 de decembro ás 18 horas. Conta como na biblioteca da Academia Jedi, un estudante queda pechado pola noite e o que alí faga, rodeado de libros, marcará o seu destino.

O sábado 21, ás 21 horas, a Banda Municipal de Música de Viveiro interpretará o tradicional Concerto de Nadal e logo só quedarían dúas funcións máis para rematar o ano no teatro vivariense como son as ofrecidos por Teatro Cubo, coa obra Nube nube sol, o venres 27, ás 17 e ás 18.30 horas, dirixida aos cativos de ata catro anos. As prazas serán limitadas polo que é necesario inscribirse para asistir.

O sábado 28 rematará o ciclo de inverno co espectáculo de maxia do mago Rafa, ás 20.30 horas, ao que sucederán no escenario o mago Teto e Lautaro.

O Concello de Viveiro organiza estes espectáculos baixo o auspicio da Xunta e a Deputación ademais doutros organismos.

MIGUEL LAGO. Ademais, o monologuista Miguel Lago actuará no Teatro o 1 de decembro ás 19 horas polo Nadal. As entradas xa están á venda en woutick.es ou no Café La Plata.