Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

A campaña Ribadeo Camiño Seguro lanza un video de sensibilización

Por 8 Outubro, 2019Sin comentarios

 O Concello está a traballar na campaña Ribadeo Camiño Seguro. Trátase dunha iniciativa que xorde coa intención de dar a coñecer o Camiño do Norte, as súas paisaxes e as súas xentes, potenciando a imaxe de Ribadeo como punto referente na entrada norte galega, con especial fincapé en ofrecer un entorno seguro para as mulleres que viaxan soas.

Segundo explican desde a Concellaría de Igualdade e desde o CIM “o obxectivo é sensibilizar ao conxunto da cidadanía, administracións públicas e entidades privadas sobre a importancia de xerar espazos que favorezan a prevención da violencia sexual nas rutas do Camiño de Santiago. Neste senso, o Concello de Ribadeo lanza un compromiso para prever e actuar fronte a situacións de violencia machista, poñendo o foco na violencia sexual que pode acontecer cando unha muller viaxa soa”.

A mensaxe principal da campaña Ribadeo Camiño Seguro é: Viaxar soa é unha opción, e unha vida libre de violencia machista, un dereito. 

Desde o CIM e a Concellaría de Igualdade sinalan que “nos últimos meses desenvolvéronse varias fases de traballo. Por unha banda, elaboramos un estudo sobre experiencias de mulleres que viaxan soas, a través da convocatoria dun grupo de discusión con mulleres que partillaron as súas vivencias. Alén desta investigación, recompilouse información a través de notas de voz, chíos en internet e a tarxetas que se repartiron entre sector hostaleiro da vila. E en segundo lugar, elaboramos un vídeo de sensibilización e de divulgación da campaña a partir da información recollida, que se lanza nas redes sociais no día de hoxe, 7 de outubro”.

E engaden que “na actualidade estamos a construír un Pacto Local para a prevención da violencia machista no Camiño Norte, co que se pretende involucrar ás administracións e ao sector hostaleiro da vila para loitar contra a violencia machista. Para avanzar na concreción de actuacións e seguindo unha metodoloxía participativa, mantivéronse mesas de traballo onde estiveron presentes representantes a nivel político e técnico, así como o sector comercial e o Consello Municipal de Mulleres. O Pacto Local incorporará medidas de información, sensibilización/prevención e atención ante situacións de violencia machista que podan acontecer no marco do Camiño Norte”.