Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Burela ofrece varias actividades para esta fin de semana

Por 9 Outubro, 2019Sin comentarios

A obra El mal de la piedra, escrita pola catalana Blanca Doménech chegará o 11 de outubro, ás 21:00 horas ao Auditorio Municipal de Burela da man da compañía arxentina El Vacío Fértil Teatro dentro da súa xira por España. Trátase dun espectáculo que trata de articular unha mirada crítica, está dirixido por Tony Lestingi e interpretado por Romina Pinto e Iván Steinhardt.

A sinopse é a seguinte: España vista dende o presente. O Val dos Caídos, monumento faraónico que Francisco Franco mandou construír rematada a guerra civil como símbolo do triunfo, estase derrubando desde o interior. Encerrada na Basílica por unha disputa entre neonazis e un grupo de memoria histórica está unha restauradora que traballa para diagnosticar o inminente desmoroamento do lugar. Ao non poder saír, Miranda vese obrigada a convivir cun garda de seguridade cuxa postura neutral reflectirá nela as súas contradicións políticas e morais.

As entradas para asistir a El mal de la piedra poranse á venda o mesmo día da función na billeteira ao prezo de 5 euros.

E o sábado, 12 de outubro, en Burela haberá un concerto para o público infantil a cargo de Pablo Díaz. Será ás 18:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura. A entrada será libre.

A actuación Contando números, cantando cores trata de reflexionar sobre a igualdade de oportunidades entre nenos e nenas, maiores e pequenos, equidade e sobre todo respecto ás persoas que desde o comezo das nosas vidas debemos valorar. Para isto Pablo Díaz utiliza contos, algún con música para rematar cun pequeno concertiño que verse sobre esta temática, e algúns dos seus temas máis populares.

Pablo Díaz leva xa cinco traballos discográficos dedicados ao público infantil-familiar, e durante os seus quince anos de carreira, os cinco primeiros como contacontos de editorial Kalandraka, leva percorridas moitas escolas de infantil e primaria ademais dos concertos habituais por diferentes localidades galegas.

O concerto que ofrecerá en Burela está incluído no programa Ler Conta Moito, promovido pola Dirección Xeral de Políticas Culturais da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Rede de Bibliotecas de Galicia, en colaboración coas entidades locais.