Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

En breves coñecerase o nome da empresa que se fará cargo da recollida do lixo de Burela

Por 10 Outubro, 2019Sin comentarios

A vindeira semana coñecerase o nome da empresa que se fará cargo da limpeza viaria e da recollida do lixo, segundo deu a coñecer o alcalde, Alfredo Llano. Cinco foron as firmas que presentaron as súas ofertas para traballar en Burela. 

O rexedor explicou que “abrimos o sobre das ofertas de 5 empresas que queren traballar no Concello de Burela para a limpeza viaria e a recollida de lixo, para o que estamos agora na fase de licitación. Son cinco empresas que levaron todas elas o informe técnico onde se fixeron as valoracións e agora coa apertura do sobre da oferta económica vaise estudar todo xunto, co informe técnico e máis oferta económica, e a finais da semana que vén unha destas cinco empresas será a elixida, tendo en conta as razóns técnicas e a oferta económica. Así que xa fixemos o traballo que levábamos tempo querendo facer, que era abrir este sobre C despois de facer a valoración técnica cunha puntuación que se dá segundo unhas bases que se redactaron”.

Alfredo Llano tamén se referiu ao pavillón polideportivo: “tamén fixemos a apertura de sobres das catro ofertas que hai para arranxar o pavillón polideportivo e adaptalo ás esixencias da Liga de Fútbol Profesional. Agora estase redactando o informe técnico, onde aparecerán as valoracións a cada unha delas, de acordo sempre coas bases da proposta e despois tamén se abrirá o sobre C, para ver as ofertas económicas de cada unha desas catro empresas. Polo tanto para a semana que vén posiblemente tamén saibamos cal desas catro empresas que optan a realizar este proxecto executivo da mellora do pavillón Vista Alegre será elixida”.

Xunta local de seguridade

O alcalde anunciou que vai solicitar a celebración dunha xunta local de seguridade en Burela: “a ninguén lle pasa desapercibido que ultimamente, tanto en Burela como noutros sitios da comarca da Mariña, de Lugo e de Galicia, hai cada vez máis actos violentos, de intimidación, de roubos ou de pelexas, de inseguridade en xeral. No concello de Burela nunca houbo esta intensidade de actos violentos polo que xa tiven reunións coas forzas de seguridade, tanto coa Garda Civil como coa Policía Local, para intentar volver a normalizar outra vez a situación no noso concello e, extensivamente, para toda a comarca. Farei un petición para que se reúna en Burela a xunta de seguridade co obxectivo de buscar posibles solucións e analizar os motivos que hai para que estes incidentes se reproduzan cada fin semana. Canto antes intentemos normalizar a situación moito mellor”.

Llano dixo que “o Concello está preocupado e xa hai tempo que tivemos estas reunións. Imos tratar de unificar criterios facendo unha xunta de seguridade o antes posible. Pero desde o Concello xa estamos estudando as mellores fórmulas para minimizar estes impactos violentos que se están a producir”.