Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Comezou o curso na Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo

Por 12 Outubro, 2019Sin comentarios

A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo vén de iniciar o curso 2019/2020 con 380 alumnos e alumnas matriculados de entre 4 e 79 anos, unha cifra que se mantén con respecto ao curso pasado e que fai da EMMeD de Ribadeo o centro destas características con maior número de persoas matriculadas na comarca da Mariña e no occidente asturiano. 

O claustro docente da EMMeD de Ribadeo estará formado por 13 profesores e profesoras, un por cada unha das disciplinas que oferta o centro, “o que garante que o alumnado disporá dunha atención especializada en cada un dos instrumentos ou das materias que imparte a Escola”, segundo apunta Hugo García Presno, responsable da EMMeD de Ribadeo. 

Neste novo curso sigue a “consolidación das materias relacionadas coa música tradicional, incorporadas recentemente e cunha moi boa acollida por parte do alumnado”, salienta García Presno. Así mesmo, o centro comeza o curso coa vontade de estar moi presente na vida comunitaria e asociativa de Ribadeo: “queremos levar a cabo a nosa programación de concertos tradicional (Santa Cecilia, Nadal, Entroido, concertos didácticos, fin de curso, etc.) pero tamén temos a intención de abrir novos espazos nos que actuar que permitan achegar o traballo feito na Escola a novos públicos e que nos axuden a ligar a música e a danza con aspectos transversais como son a igualdade, a solidariedade…”. 

O responsable da EMMeD de Ribadeo, amosa a súa satisfacción “porque o número de persoas matriculadas se manteña, o que demostra que o traballo que facemos dende a Escola se está percibindo como positivo por parte do alumnado que repite e tamén polo conxunto da cidadanía, o que fai que novos alumnos e alumnas se animen a formar parte do centro”. García Presno destaca que “tanto o proxecto educativo da EMMeD, unha combinación de ensino teórico con moitas actividades prácticas, coma o plantel docente son as claves para entender o crecemento constante da Escola dende o mesmo momento da súa fundación da man de Hernán Naval”. 

Hugo García quixo mostrar o apoio tanto do claustro da Escola como do Concello de Ribadeo: “é clave o apoio institucional para poder tirar adiante o proxecto da Escola e a súa actividade e tamén é moi importante contar cun corpo de profesores e profesoras que crean no proxecto e que teñan vontade de levalo adiante”.