Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Publicadas as subvencións a 119 entidades deportivas da provincia

Por 14 Outubro, 2019Sin comentarios

A Secretaría Xeral para o Deporte publicou no Diario Oficial de Galicia  as resolucións polas que se fan públicas as subvencións definitivas para a actividade deportiva de clubs, sociedades anónimas e seccións deportivas, que na provincia de Lugo suman unha contía de 210.900 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que resultaron beneficiadas 119 entidades lucenses dunha trintena de modalidades deportivas, dende o fútbol ata o baloncesto pasando por atletismo, triatlón, xadrez, baile deportivo, rugby, tiro olímpico, voleibol, ciclismo, orientación, patinaxe, natación ou balonmán, entre outros.

Polo que respecta á distribución xeográfica, 52 das entidades beneficiadas están situadas na comarca de Lugo -50 en concreto na capital- e suman un investimento de 112.986 euros. Na Mariña rexístranse 28 clubs, cunha achega global de 40.000 euros. En terceiro lugar sitúase a comarca da Terra Chá, con 17 entidades que acadan 25.400 euros, e a continuación a zona sur, con 14 clubs e 19.300 euros en axudas. Hai tamén apoios para entidades situadas noutros concellos da Montaña, Sarria e A Ulloa.

Por outra banda, recentemente publicouse tamén no DOG a resolución do listaxe definitivo das subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos, que nesta primeira convocatoria beneficiou a catro clubs lugueses cunha achega total de 58.240 euros. Os beneficiarios son Club Fluvial de Lugo, A.D. Tripenta Terras de Lugo, Club Triatlon Cidade de Lugo e Club Taekwondo Neka Monforte.

E, ese mesmo día, a Secretaría Xeral para o Deporte publicou tamén a segunda convocatoria do ano 2019 para solicitar as subvencións de adquisición de equipamentos deportivos. Os interesados terán un prazo dun mes para presentar a documentación e esta liña de axudas conta cunha dotación orzamentaria de 1.916.089,69 euros.

Cómpre salientar que para esta convocatoria non será necesaria a presentación dunha nova solicitude por parte das entidades solicitantes cuxa solicitude fose desestimada en base á non dispoñibilidade de crédito na convocatoria anterior.