Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O mel de Viveiro acadou premios nas Pontes

Por 16 Outubro, 2019Sin comentarios

Concluíu no concello coruñés das Pontes a vixésimo primeira edición das Xornadas Apícolas do Eume, un recoñecido evento que finalizou coa tradicional entrega de premios da Cata de Meles. Nesta ocasión Loli Lage Rodríguez alzouse cos primeiros premios en ambas as dúas categorías do concurso, mentres que César Castro Piñón colleitou o segundo premio na de mel escuro. Lage convértese así nunha das produtoras máis laureadas da historia deste certame, con oito galardóns acumulados en cinco anos de participación.

Na Casa do Mel de Goente o panel de catadores someteu as mostras participantes aos seus sentidos atendendo a unha análise visual, aromática, de sabor e sensación na boca coa finalidade de escoller as mellores. Desta volta houbo un total de trinta e dous participantes na categoría de meles claros e outros doce que competiron na de meles escuros.

Loli Lage gañou no concurso dos meles claros cun néctar monofloral de eucalipto recollido na parroquia viveirense de Galdo, e na de escuros cun monofloral de breixo apañado en Muras. Deste tipo de mel escuro, o de breixo, vénse facendo unha grande promoción na Feira do Mel de Montaña que se organiza dende hai catro anos no Viveiró polo Concello de Muras para dar a coñecer o excepcional produto das vinte e cinco explotacións apícolas do municipio.

A produción da gañadora é comercializada baixo o selo O Castelo, co que xa no 2015 logrou o segundo premio ao mellor mel claro e máis unha mención especial polo seu mel escuro de breixo. Ao ano seguinte, no 2016, conseguiu ser a gañadora tanto na categoría de mel claro como na de mel escuro, sendo esta a primeira vez que un mesmo apicultor acumulaba os dous máximos galardóns. No 2017 volveu ser finalista no concurso de meles claros e o pasado 2018 obtivo unha meritoria segunda posición no de meles escuros.

Esta é a segunda vez que Mel O Castelo acapara o primeiro premio nas dúas categorías, un logro do que unicamente pode presumir Loli Lage tras doce edicións desta prestixiosa cata que promove a Casa do Mel de Goente dentro das Xornadas Apícolas do Eume.