Skip to main content
ActualidadeFozSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

A CIG denuncia ás adxudicatarias das ambulancias por un suposto descolgue dos convenios colectivos

Por 17 Outubro, 2019Sin comentarios

A Confederación Intersindical Galega (CIG) denuncia publicamente que diante da entrada en vigor dos novos contratos para o transporte sanitario urxente da FPUSG 061, previstos para o vindeiro día 16 de outubro de 2019, as empresas adxudicatarias da provincia de Lugo están a tratar de realizar un descolgue encuberto do convenio colectivo para o transporte de enfermos e accidentados en ambulancia de Galiza.

As empresas entrantes que terán que efectivizar a subrogación do persoal dos lotes correspondentes (- Lote 7, Área de Lugo,UTE Servicios Sanitarios de Monforte SL, Sanitaria Lucense de Transportes SL, e Luis Iglesias Carreira SL; – Lote 8, Area da Mariña Lucense, UTE Ambulancias Burela SL e Sanitaria Lucense de Transportes SL; – Lote 13, Área Valdeorras/Verín/Lemos, UTE Ambulancias Sil, Sanitaria Lucense de Transportes SL e Servicios Sanitarios de Monforte SL) á provincia de Lugo, están a ameazar ó persoal do sector con modificacións relativas á xornada laboral, incumprimentos no ámbito económico e mesmo de seguridade e saúde laboral. Ditos feitos son particularmente graves tendo en conta os precedentes, posto que estas mesmas empresas son as actuais prestadoras de servizos dos anteriores contratos, ós que concorreron temerariamente por debaixo dos custes laborais co beneplácito da Xunta de Galiza.

Doutra, reviste tamén unha grande temeridade porque na actualidade a lexislación vixente non permite este tipo de falcatruadas, polo que estes anuncios en vésperas da subrogación dos novos contratos pretenden disfrazar un intento de descolgue encuberto do vixente convenio de ambulancias e prender de novo a conflictividade no sector do persoal das ambulancias.

Dende a CIG faise un chamamento ás empresas do sector na provincia para que, no inmediato se sitúen no carreiro das obrigas contraídas no cumprimento das condicións da subrogación e no marco do actual convenio, así como á Xunta de Galiza, a situarse no bando dos que non miran para outro lado diante de incumprimentos nas condicións laborais deste sector.