Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

A Mariña ofrece rutas turísticas para visitar aos seus artesáns

Por 17 Outubro, 2019Sin comentarios

As rutas de artesanía da Mariña lucense, principalmente promovidas pola Mancomunidade de Municipios mariñaos, son itinerarios cuxos principais protagonistas son os artesáns da comarca. A través desta guía, o visitante pode coñecer os obradoiros, adentrarse no oficio e mesmo participar no seu labor diario. Ademais, pódese desfrutar dos valores naturais, culturais e gastronómicos do entorno máis próximo ao lugar a visitar, para favorecer unha auténtica inmersión no estilo de vida local.

Enmárcanse no que se coñece como turismo slow ou lento, unha filosofía que fuxe das présas para descubrir un lugar con calma, cos poboadores que son os que mellor o poden amosar. Sobre todas as posibilidades incluídas nesta ruta de artesanía informa a web www.amarinalucense.gal.

Unha das paradas é do Complexo Regal Xunqueira do ceramista viveirense Otero Regal. Produce obxectos utilizando tamén materiais da zona cun estilo propio. Dispón dun museo de cerámica, doutro da pel e o turista pode decorar pezas. Convén reservar a visita cunha semana de antelación en xeral para todos os artesáns e neste caso concreto, chamando ao 982 562 589 ou escribindo a ceramica@oteroregal.com. Outra ceramista, Miriam Viveiro, ten o seu obradoiro en Chavín, a poucos metros do afamado Souto da Retorta. A súa produción céntrase no deseño de xoias. Mesmo ofrece cursos para nenos e adultos. Pódese contactar con ela no 639 619 254 ou en miriamviveiro@hotmail.com.

O visitante logo pode achegarse non só ao devandito Souto, senón tamén ao Monumento Natural do Avó, a árbore máis grande do Estado e unha das de maior envergadura de Europa. Tamén convén achegarse ao casco histórico vivarirense e coñecer as rúas dunha vila medieval amurallada que conserva dúas das portas orixinais do século XIII e a porta de Carlos V, construída no XVI. O Concello provee ademais ao viaxeiro dunha audioguía ficcionada que se pode descargar na web da Mariña Lucense. E a cinco kilómetros de Viveiro, a ruta dos artesáns recomenda ir ata o Fuciño do Porco no Vicedo ou á fervenza da Xestosa, en Ourol.

A seguinte parada da ruta de artesanía recala en Foz, no Espazo Caritel, onde a cerámica, a arte e a natureza danse cita no obradoiro de Daniel Río, máis coñecido como Daniel Caxigueiro, na parroquia de San Martiño de Mondoñedo. Nestas instalacións, o visitante pode desfrutar das salas de exposicións diáfanas que realzan a obra do artista, con pezas que xogan coas texturas e as dimensións. Aparte, froito da gran afección de Caxigueiro pola botánica, o turista tamén pode percorrer un impresionante xardín de 3.500 metros cadrados con multitude de especies que cultiva coas súas propias mans. Entre elas, cen variedades de camelias, así como árbores e arbustos de diferentes continentes, ademais de especies autóctonas. O artista amosa os procesos de creación que inspiran a súa obra e sumerxe ao visitante no curioso eido botánico.

Para programar unha visita hai que chamar ao 982 132 694 ou escribir a espazocaritel@gmail.com. A 200 metros do lugar atópase a basílica de San Martiño, considerada a catedral máis antiga do Estado, construída no século XI, pero cunha historia que se remonta ao VI, coincidindo coa chegada dos bretóns a Galicia. Dispón dun centro de interpretación onde se pode indagar máis acerca deste Ben de Interese Cultural. A ruta dos artesáns recomenda tamén achegarse ao peirao focense, bordear ás praias de Foz e visitar a paraxe barreirense de Santo Estevo do Ermo, así como o castelo de Castrodouro en Alfoz do século XV, cun museo das zocas no seu interior, e o Pico da Frouseira.

A seguinte parada da ruta da artesanía son os Astaleiros Fra de Cervo, en pleno centro de San Cibrao, na desembocadura do río Covo. Tras sete xeracións, é o único da Mariña que mantén vivo o oficio da carpintería de ribeira. Na visita a un obradoiro que ten máis de 200 anos de historia, o visitante será testigo da precisión e experiencia que implica a construción dunha embarcación. A confeción dos planos, a reproducción en maquetas, a execución a tamaño real da nave, as ferramentas utilizadas e outras curiosidades serán amosadas por Fra, que ademais coñece ben a historia naval da zona. Convén pedir cita no teléfono 677 595 676 ou escribindo a fransanciprian@hotmail.com.

Moi preto está o Museo Provincial do Mar, a sete kilómetros de Cervo está a fábrica de cerámica de Sargadelos e o seu complexo histórico-artístico e o paseo dos namorados na súa contorna. Os promotores da ruta dos artesáns recomendan tamén seguir o trazado do Camiño Natural da Ruta do Cantábrico que parte do peirao de Morás en Xove, onde poderán ver os dolos, estructuras de formigón construídas in situ para executar os espigóns da dársena de Alcoa.

Non podía faltar outra parada para ver ás redeiras. A asociación Cabo Burela mantén vivo este tradicional oficio no que tradicionalmente adoitaban ser mulleres as que reparaban ou confeccionaban as redes, as nasas e outros aparellos da pesca. Na nave das redeiras o visitante poderá ver o seu traballo e existe tamén un pequeno espazo onde se expón maquinaria e outros elementos dos barcos pesqueiros. Pódese contactar con elas no 630 757 910 e en caboburela@hotmail.com.

No peirao burelés está atracado o Barco Museo Reina del Carmen, o visitante pode tamén para facer a ruta do litoral burelés, sinalizada como sendeiro azul, que pasa polo asentamento castrexo do Chao de Castro, lugar de orixe do torques de Burela. O turista presenciará ademáis o conxunto de pregues xeolóxicos mellor conservados de Galicia na zona do Perdouro, en pleno lugar de inicio da raxa cantábrica. E próximas están tamén a ruta dos pozos do Valadouro e a Serra do Xistral.

E as dúas últimas paradas serían primeiro a dos ferreiros da Pontenova e Riotorto onde o pontenovés Rodil, ao que se pode chamar ao 648 115 385, e os riotortenses Jomaca, 696 812 704, e Maf, 982 346 219, que son as marcas baixo as que traballan, moldean o duro aceiro usando as forxas alimentadas con carbón e utilizando mazos e martelos para crear navallas, coitelos e fouciños. E logo, xa por último, Mondoñedo non podía faltar neste itinerario co seu barrio dos Muíños, co alfar As Formas da Terra, 678 934 025, ou o obradoiro do mestre canteiro Fernando Vilariño, 678 990 683. A ruta artesanal non esquece tampouco a gastronomía polo que recomenda ao viaxeiro facerse con produtos da horta mindoniense, co peixe e marisco fresco de Celeiro e Burela, destacan tamén as enfariñadas de Trabada e os faragullos pontenoveses, así como a tarta de améndoas mindoniense ou a riotortense e a Colineta de Viveiro, ademais do mel do Valadouro e mesmo a cervexa artesanal.

Na web da mancomunidade hai máis artesáns incluídos na ruta, como algúns de artes de pesca, ebanistas e restauradores, modistas, peleteiro, serigrafiadores e de títeres.