Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

A poboación ribadense ascende a 10.017 habitantes

Por 17 Outubro, 2019Sin comentarios

Ribadeo conta na actualidade con 10.017 habitantes, algo que se debe aos nacementos rexistrados, pero sobre todo á xente que se empadroa e elixe esta vila para vivir. O 70% da poboación reside na localidade e o 30% nas parroquias. O alcalde, Fernando Suárez, asegurou que o Concello seguirá a apostar polo rural para tentar minimizar a súa desertización.

O rexedor manifestou que “desta nova foto fixa da poboación total de Ribadeo se desprenden varias reflexións. Unha moi importante, que a pesar de que hai uns meses fixéramos unha limpeza do padrón para eliminar todos os duplicados e iso levounos a baixar dos 10.000 habitantes, chegou a 9.930 por aí, agora volveu subir o padrón porque nace xente e sobre todo porque ven xente doutros concellos que se empadroa aquí porque ve que Ribadeo segue medrando e ten posibilidades, cada día máis”.

Fernando Suárez dixo que “tamén isto indica que aínda que é importante desde o punto de vista da participación nos tributos do Estado, realmente é moi pouquiña cousa porque a liña onde o Estado lle ten que dar máis aos concellos é cando se sobrepasan os 20.000 habitantes, na parte de arriba, ou os 5.000 habitantes na parte de abaixo. Polo tanto Ribadeo que estea un pouquiño por enriba dos 10.000 ou un pouquiño por debaixo dos 10.000 economicamente pouco lle supón. É máis unha liña desde o punto de vista da moral, de que seguimos medrando e que isto, cos seus problemas e coas necesidades que poidamos ter, vai a máis, imos a máis”.

O alcalde engadiu que “por outra banda, se vemos un pouco como se distribúe a poboación, vemos que a vila cada día ten máis peso específico, agora mesmo é o 70% e as parroquias un 30%. É unha dinámica e unha tónica que lle pasa a Ribadeo, e entendo que lle pasa a todo o mundo civilizado, que a poboación tende a agruparse máis nos ámbitos urbanos e cada vez o proceso de desertización das parroquias é maior. Máis atenuado en Ribadeo que noutros concellos próximos a nós e de menor entidade, pero é unha realidade. Isto nos indica que debemos seguir apostando polo rural e traballando para conseguir que, se cadra, non se logre compensar pero si polo menos ralentizar este ritmo de desaparición e de trasvase do campo á vila”.