Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Burela aplica fondos do Galp para crear un centro de patrimonio cultural pesqueiro

Por 18 Outubro, 2019Sin comentarios

A Fundación Expomar traballa no desenvolvemento do proxecto denominado Centro de Coñecemento en Patrimonio Cultural Pesqueiro, segundo deu a coñecer esta mañá o seu presidente e alcalde de Burela, Alfredo Llano. Está cofinanciado polo Galp e suporá, entre outras actividades, a realización de charlas nos centros de ensino, a publicación dun catálogo sobre a fauna e a flora mariñás e a organización do 1º Congreso Nacional de Artes de Pesca en Burela. O obxectivo é poñer en valor o sector náutico pesqueiro da zona e levar adiante algúns dos puntos que recolle o estatuto da propia Fundación Expomar.

O presidente da Fundación, Alfredo Llano, anunciou que “imos organizar, de aquí a rematar o ano, un proxecto cofinanciado polo Galp, ao que lle pedimos unha subvención que foi aprobada, porque nos parece un proxecto interesante para aplicar no noso concello, que se denomina Centro de Coñecemento en Patrimonio Cultural Pesqueiro”.

Llano explicou que “entre outras cousas imos tratar de divulgar o patrimonio e a cultura mariñeira, se vai tratar tamén de fomentar a creación de emprego ligado ao mar, queremos ademais achegalo aos centros educativos da comarca e sobre todo de Burela, e implementar ferramentas que axuden á transmisión de información e coñecemento. Queremos tamén captar fluxo turístico en épocas de baixa demanda, que xa se está facendo co noso barco museo e as visitas á lonxa, pero queremos aumentar esas posibilidades como é a visita ás redeiras ou as rutas xeolóxicas, etc…, e ademais involucrar á poboación local en todos os temas que teñan relación coa pesca”.

O presidente da Fundación Expomar engadiu que “desde o mes de novembro a finais de decembro imos facer un repositorio das actas de pesca, e imos elaborar un catálogo da flora e da fauna mariñás, que é moi interesante para poder distribuílo tanto nos centros comerciais como nos institutos e os colexios de ensino. Tamén imos impartir unha charla por todos os centros educativos tanto de Burela como da comarca, e convocaremos o concurso O Mar Luce, que de momento imos plantexar nos dous institutos e nos dous colexios de ensino primario de Burela”.

Llano salientou que “este proxecto tamén inclúe algo que creo que é moi novidoso e singular, que é a organización do 1º Congreso Nacional de Artes de Pesca. Estamos traballando e queremos que sexa a mediados do mes de decembro, e cremos que é importantísimo para facer unha boa divulgación de como se pescan diferentes especies con diferentes artes. Queremos que veñan expoñer esas artes de lugares como Andalucía, Santander, País Vasco, Asturias, das Rías Altas e das Rías Baixas, queremos que sexa moi representativo do sector e que dea a coñecer unha pesca sostible utilizando as nosas artes tradicionais”.

O presidente da Fundación Expomar comentou que “estamos traballando xa a través dunha empresa que se chama Valora, que nos está levando os temas organizativos. Xa fomos aos colexios, e imos intentar facer un bo congreso e unha boa divulgación a través das publicacións. Cremos que este proxecto é importante para favorecer ao sector náutico pesqueiro, darlle a importancia que lle corresponde e, sendo coherentes co noso estatuto de Expomar, facer aquelas actividades que corresponde”.