Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Felicitación á empresa Vestas, dende Viveiro, polo seu aniversario

Por 20 Outubro, 2019Sin comentarios

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, xunto á alcaldesa de Viveiro e deputada provincial, María Loureiro García, o secretario Xeral de Industria e de Pequena e Mediana Empresa do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, Raúl Blanco Díaz, acompañados doutras autoridades, participaron na fábrica de Vestas Generator nos actos conmemorativos do 20 aniversario da implantación desta empresa no concello viveirense.

Tomé Roca puxo en valor a actividade deste proxecto empresarial para a provincia, converténdose, ao longo destes anos, nun referente industrial, e sinalou que “a chegada de Vestas a Viveiro supuxo un incremento no emprego e no PIB xerado na comarca, con uns 150 empregos de media na plantilla ao longo destes anos e unimportante impacto no desenvolvemento de empregos indirectos”. 

“Estou convencido de que nesta liña de traballo, de cooperación e aposta polo futuro, traballando xuntos, poderemos celebrar no futuro novas datas e novos éxitos de Vestas. Que son, para nós, os éxitos de Viveiro, da Mariña, da provincia de Lugo e das súas xentes”.

Durante o acto de aniversario, as autoridades participantes, acompañadas de clientes da fábrica e membros da directiva, realizaron unha visita guiada ás instalacións da plantilla co fin de coñecer, máis polo miúdo, o funcionamento desta empresa así como aos seus traballadores e traballadoras. Neste encontro tamén se realizou a presentación do vídeo recompilatorio da historia de Vestas e descubriuse a placa conmemorativa, a cargo da alcaldesa de Viveiro.

A empresa danesa Vestas asentouse en Chavín (Viveiro) no ano 1998, sendo a día de hoxe líder na fabricación de palas, xeradores e na produción de enerxía eólica. Na actualidade, conta con presencia en diferentes países como Dinamarca, Alemaña, Estados Unidos ou China, entre outros. 

PP. O grupo municipal do Partido Popular de Viveiro felicita á empresa Vestas polo seu vinte aniversario. O voceiro municipal do PP, Óscar Rodríguez, asistiu aos actos da celebración de data tan destacada para a empresa.

Rodríguez manifestou “quero felicitar en nome do meu grupo municipal e do meu partido a Vestas por este vinte aniversario, coa seguridade de que poderemos facelo durante moitos máis e cada vez celebrando máis éxitos desta empresa”.

O voceiro popular declarou: «Para un veciño de Viveiro, ter no seu municipio unha empresa punteira nun sector en constante desenvolvemento, como é Vestas, é un orgullo. Estou seguro de que o futuro pasa polas enerxías alternativas; con elas se poderán cubrir as necesidades de enerxía e ao mesmo tempo facer a Galicia verde que queremos».

Rodríguez destacou o traballo do director da empresa, José Miguel Soto, de Viveiro, así como o traballo e esforzo da plantilla da empresa. “Grazas ao equipo que ten, é unha factoría modélica”. Engadiu que “para o municipio de Viveiro e para toda a comarca é importantísimo contar cunha empresa como Vestas, por moitos aspectos, un deles, fundamental, a creación de postos de traballo”.