Skip to main content
AMARIÑAXA

Apalpar a paixón

Por 22 Outubro, 2019Sin comentarios

Por Noelia Castro

A cea de aniversario da miña case irmá Patricia xirou en torno a un enunciado que me deixou pensando. O certo é que é bastante doado deixarme a min trémula e pensativa, ou nas verzas como diría o avó, sacándolle unha profundidade da que carece o asunto.

Patri é mestra no cole en Ribadeo e o Párroco durante a celebración da misa inaugural do curso académico sentenciou: Somos moito mais ricos do que pensamos pero tamén moito máis pobres do que cremos. Agora interrompería a miña narración un bo amigo da miña nai para poñela voz no ceo ao son dun: Coa Igrexa topamos. Pero tampouco é ese o tema que nos ocupa hoxe, malia que o podería ser perfectamente.

Coido que non lle faltou razón ao crego. Arredor da mesa, a carón dun platiño de peixe fresco apuramos un par de reflexións pero axiña cambiamos de tema. O xiro foi cara os traballos de cada un dos comensais. Algúns moi felices no tocante ao laboral e outros menos, coma ata nas mellores familias vaia. A miña amiga dixo algo que me fixo sentirme moi orgullosa da nosa amizade, apuntou que mais alá dos cartos temos que ir na procura de ser ricos de corazón. Así, talmente como o dixo, trátase dunha destas verdades que te deixan dunha peza. Moito se especula sobre os motores do mundo no que vivimos: o diñeiro, o benestar, a paz mundial, o medo, o desexo de mellora. E eu, pobre de min, non lle quito razón a psicoterapeutas, conferencistas ou escritores; pero engado un pedaciño de argumentación, un pedaciño de min.

O que move o mundo é a paixón. A RAG defínea como sentimento moi forte de atracción ou rexeitamento que perturba grandemente o ánimo e a razón. Entusiasmo, inclinación ou afección extraordinaria por algo ou por alguén.

O que motiva a vida é a paixón, pola familia, polos amigos, polas fillas, polo traballo que fas. A paixón por querer saír de onde estás, cara un lugar mellor. Paixón por ser mellor persoa ca fai un anaco. Por axudar. Paixón por converter cada día nunha nova oportunidade. Dicídeme a min senón, que é o que lle fai ao meu pai erguerse ás seis da mañá desde fai once anos senón é a paixón. Ou a cada deportista representar ao seu país despois de bágoas e sacrificio. Con xeada, orballo ou trombas de auga. Cómprenos canalizar esa paixón cara cousas que nos fagan ser unha miga mellores, e mais sabios. Menos perfectos e mais humáns.

Unha paixón tamén é unha composición musical. A carne de galiña cando soa “Blue Lips” na radio do coche. Aparecen imaxes na tua mente e paras a respirar. Paixón é o que se respira nun aeroporto. Un discurso pronunciado desde o corazón. Sabina rézalle á paixón no ceo da túa boca e afirma que unha casa sen ti é unha embaixada. Coido que o que transforma un edificio en fogar é a paixón que lle poñemos as persoas. Mais alá do sentimento de pertenza, paixón son as cóxegas de quen queres antes de medirche a bicos as costas.

Paixón é o que senten as miñas alumnas cada vez que cruzan o cargadoiro da porta da Academia. Todo o seu esforzo focalizado no que queren chegar a convertérense. Se me fan algo de caso, escollerán a carreira en base a este sentimento. Porque son das que pensan que só podes triunfar en algo que verdadeiramente che gusta e te apaixone, valla a redundancia.

O que sente a avoa cando pasa a mañá cociñando para toda a tropa. O sorriso de papá cando gañas o primeiro partido. Os nervios previos á festa sorpresa do teu mellor amigo. As derradeiras páxinas do libro que che mercou a túa curmá. Cantan que paixón é saber que hai alguén mais que vive desexando poder atoparte. A emoción coa que agardamos certas noticias, tremendo os xeonllos con fervor. A mirada aos fogóns dun bo cociñeiro. Ou da mestra ao escoitar a primeira liña que le aquela alumna á que tanto lle custou aprender. As bombas de palenque que preceden á sesión vermún en calquera verbena galega.

Paixón tamén foi a de Xesucristo. Con maiúsculas. Porque paixón é todo o que facemos polos demais, sen ánimo de recibir nada a cambio. A vida move pero a paixón é a que nos empuxa.