Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O inverno anímase en Ribadeo con dúas campañas comerciais

Por 23 Outubro, 2019Sin comentarios

A asociación de comerciantes, industriais, servizos e autónomos, Acisa, de Ribadeo impulsará novas actividades para a hostalería e o comercio nos últimos meses do ano. O colectivo empresarial animará a visitar a vila durante as fins de semana e organizará dúas campañas en novembro. Estes foron algúns dos acordos acadados na reunión mantida pola xunta directiva de Acisa hai uns días. Nese encontro definíronse as liñas de actuación para os vindeiros meses. 

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, anunciou que “este mes de outubro rematará realizando seis campañas. Os días azuis do comercio galego, que acaban de rematar. Esta fin de semana celebrarase unha nova edición das xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo e unha Noite Aberta para o comercio. O luns que ven comezará en Ribadeo a campaña da FCAM co sorteo de 1.000 euros en vales de premios en comercios e hostalería; poñeranse a disposición dos veciños as cartas en apoio a Alcoa ademais da colaboración feita coa AECC”.

O presidente da asociación, Francisco Iriarte, considera que “estamos a facer todo o que está nas nosas mans para axudar aos nosos asociados. A mellor mostra é o número de actividades postas en marcha este mes. Por iso neste último trimestre do ano estou seguro que non se falará doutra cousa que das nosas actividades. En novembro imos poñer en marcha unha nova edición do Domingueo en Ribadeo, unha campaña que creemos fundamental para a promoción do comercio ribadense e de Ribadeo como destino de fin de semana, celebraremos tamén o Black Friday e poñeremos en funcionamento dúas novas campañas, que pensamos que son moi interesantes tanto para a hostalería como para o comercio”.

NOVIDADES. O mes do aforro con Acisa e O mes do tapeo en Ribadeo son as novidades que a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos anunciou para o mes de novembro. 

Pérez Prada contou que O mes do aforro con Acisa é unha campaña na que os clientes que fagan as súas compras durante o mes de novembro nos establecementos asociados recibirán unha tarxeta de desconto para repostar na estación de servizo Valcarce e O mes do tapeo en Ribadeo, é unha actividade na que estanmos a traballar para os hostaleiros que queiran ofrecer tapas especiais os xoves e venres en novembro”. 

O presidente de Acisa pensa que “novembro é un mes complicado para comercios e bares e creemos que facilitándolles estas ferramentas aos nosos socios podemos facerllo un pouco mas fácil, tanto regalando un desconto no combustible como potenciando as noites dos xoves e venres. Hai que poñer alternativas en marcha para que a xente se anime a saír polas noites durante o outono e para que sigan a facer as súas compras no comercio local, no que temos a carón da casa”.

NADAL. Iriarte subliñou que “queremos un Nadal diferente, no que Ribadeo sexa o eixe comercial da comarca e no que pretendemos axudar a comercios e hostaleiros en todo o que poidamos. Por iso esta será unha das campañas de Nadal mais importantes realizada nos 30 anos de vida da asociación. Contaremos con 15.000 bolsas e papel de regalo para os nosos comercios, 15.000 rueiros para os nosos hoteis, servilletas para os nosos bares, as ampliacións horarias para os nosos pubs e a Festa do Comercio con centos de miles de papeletas a repartir entre todos os asociados para sortear miles de euros en premios, estas serán as nosas actividades principais no Nadal”. 

Presidente e xerente engadiron que “o que pretendemos é dar un servizo aos nosos socios que lles sirva para aforrar custes de cara a campaña de Nadal así como para fidelizar e premiar á súa clientela. Ademais instalaremos un arbore de luces de Nadal,  traeremos a Papa Noel e a un carteiro real e convocaremos un concurso de decoración para que as nosas rúas transmitan un maior ambiente navideño. E por suposto estamos a traballar estreitamente co Concello de Ribadeo na coordinación de actividades e na elaboración doutras que fagan aínda mais visible Ribadeo como destino no Nadal”. 

BALANCE. O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, fixo balance deste 2019: “pecharemos o ano tendo realizado entorno a 25 actividades propias a 10 colaboracións e  repartindo preto de 8.000 euros en vales de compra para gastar nos nosos asociados. Neste ano, xunto co Concello de Ribadeo, levamos a dúas persoas a Cuba co Ribadeo Indiano e inxectamos no comercio local 10.000 euros coas panchas, algo que sen dúbida tivo un gran éxito. A entrega de material gratuíto para os socios, por valor duns 15.000 euros, foi tamén un puntal moi importante deste ano, aforrando custes no día a día dos socios. A incorporación de novas campañas nas temporadas baixas tamén creo que son moi importantes, así como a colaboración con outras asociacións e entidades que atraen a visitantes a Ribadeo. Tamén foi esencial a xestión da asociación e o traballo realizado coas administracións, buscando finaciamento para novos proxectos que esperamos poder levar a cabo o vindeiro ano”.