Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Reclaman que a piscina de Viveiro abra domingos e festivos

Por 23 Outubro, 2019Sin comentarios

O grupo municipal do PP de Viveiro levará á próxima sesión plenaria do Concello varias iniciativas, baixo a forma de rogos e preguntas, que dan resposta a inquietudes expostas por veciños e representantes de distintos colectivos sociais. Por un lado, os concelleiros populares solicitan información ao goberno local en relación con distintos aspectos do funcionamento da piscina municipal. Sinalan que o PP recibe numerosas queixas dos usuarios e usuarias da piscina porque pecha os domingos e festivos polas mañás.

Din ao respecto: «Non podemos entender que cando estaba en mans privadas se puidera dar o servizo e que, agora que está baixo a custodia pública, se reduza notablemente o tempo semanal de funcionamento». Aluden a algúns problemas dos que teñen noticia: «O equipo de goberno non é responsable dos roubos ou destrozos que se poidan facer nas instalacións municipais, pero, para nós, o feito de que falten dous mil euros da caixa, nos fai dubidar de que a xestión sexa a adecuada». 

Os concelleiros populares, dado que á piscina municipal acoden moitos menores, a maioría a realizar cursos de aprendizaxe, queren ter a seguridade de que todo o persoal que o atende ten a formación e acreditación necesaria para desenrolar estas actividades. Así as cousas, os concelleiros populares queren saber canto persoal traballa na piscina municipal, e cantos socorristas atenden estas instalacións. Tamén se interesan por coñecer o número de monitores acreditados que traballan na piscina e se todo o persoal adscrito a esta infraestrutura cumpre todos os requisitos e está inscrito no Rexistro Profesional de Socorristas de Galicia. Os populares solicitan que, como reclaman numerosos veciños, a piscina volva a funcionar os domingos e os festivos pola mañá.

Por outra parte, os concelleiros populares solicitan información sobre a concesión de axudas municipais. Esta iniciativa obedece a que «algunhas asociacións se dirixiron ao noso grupo municipal para dicir que se senten discriminadas na concesión das axudas outorgadas polo Concello sen valorar o tipo de actividades que realizan nin a repercusión que teñen na veciñanza». Os edís populares queren coñecer as asignacións e gastos a cargo do Concello a cada unha das asociacións durante os exercicios 2018 e 2019, así como as asignacións e gastos a cargo do Concello a cada unha das comisións de festas durante os exercicios citados.

Por último, os membros do grupo municipal do PP presentan un rogo en relación co quiosco da avenida de Cantarrana. Explican os concelleiros: «Tanto a veciñanza como a Asociación de Comerciantes de Covas nos fan chegar as queixas pola situación do quiosco ubicado na avenida de Cantarrana; leva anos pechado, ocupa solo público e non presta ningún servizo. Temos constancia de que a Asociación de Comerciantes de Covas xa se dirixiu ao equipo de goberno para solicitar o uso do quiosco como oficina de información; incluso se propuxo dotalo dun desfibrilador externo semiautomático (DESA), pero non houbo resposta». Os concelleiros populares queren saber de quen é o quiosco e se o titular está ao día no pago por ocupación de vía pública, ademais de se ten licenza para ocupar a beirarrúa. Os edís do PP demandan que ou ben se use o quiosco para algún fin útil para os veciños ou se retire da vía pública.