Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Visitan a Mariña para promocionar a marca España Verde

Por 26 Outubro, 2019Sin comentarios

Un grupo de xornalistas de diferentes países europeos e americanos visitaron a Mariña lucense nunha viaxe organizada pola España Verde, a marca turística que engloba ás comunidades do norte peninsular que está a celebrar o seu 30 aniversario.

Os profesionais incluíron no seu percorrido lugares como Ribadeo, Viveiro ou Mondoñedo para coñecer gran parte dos seus recursos turísticos. Os xornalistas pertencen a países como Austria, Italia, Suiza, Alemaña ou Francia, así como de Australia, Arxentina, México, EEUU, e cóntase con representantes neste caso de medios de Chicago, Los Ángeles, Miami e Nova Iork.

A viaxe enmárcase nas accións que durante esta semana se levan celebrando en todas as comunidades autónomas englobadas na España Verde: Asturias, Cantabria e País Vasco. Os xornalistas partiron do País Vasco no Tren Transcantábrico e visitaron despois Cantabria e Asturias, ata chegar onte a Galicia. As accións rematan en Santiago de Compostela para coñecer a meta do Camiño de Santiago, cun percorrido pola contorna da Catedral, visita ao Centro Internacional de Acollida ao Peregrino e entrada ao Pórtico da Gloria.

España Verde é a marca territorial lanzada por Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco hai 30 anos para posicionar o norte de España como destino turístico para o mercado internacional. As accións levadas a cabo para conmemorar este aniversario teñen o obxectivo de reforzar a súa imaxe de marca e promocionarse como destino único, que suma 14 Reservas da Biosfera da UNESCO, 25 parques naturais ou case 2.000 km de costa. 

O Camiño de Santiago e a súa enogastronomía son outros dos recursos comúns. Durante este ano o País Vasco foi a comunidade encargada de coordinar as accións da España Verde e durante 2020 será Galicia a responsable desta tarefa.