Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXATrabadaZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Trabada acolleu outra rolda da liga norleste de billarda

Por 29 Outubro, 2019Sin comentarios

Na 3ª xornada da LNB NorLeste, disputada en Trabada o pasado sábado, os organizadores recoñecen que desta volta non foi o frío, nin a neve, senón un fallo no sistema de comunicación o que levou a LNB ao pavillón deportivo de Trabada para disputar a terceira xornada da tempada billardeira. Unha mágoa xa que o día inmellorable convidaba a xogar fora, admiten.

Foi unha xornada moi áxil e disputada e xa dende o comezo (facilitado polo esbaradizo do chan) foron moitos os tiros directos que superaron o varal, uns por dentro, para ledicia dos venturosos  e outros por fora, para fastidio dos malfadados palanadores.

Subliñar que seguindo o acordo tomado a principios de tempada, xogando en pavillón, só se consideran ‘varado’ os tiros directos que crucen a liña de varal sen tocar no chan e daquela, aínda que foron moitos os que entraron no primeiro golpe, só un perfecto golpe de Chousa lle permitiu acadar o primeiro e único varado da tempada.

Van pasando as carreiras e a falta da derradeira, a Daniel e Markytos con dezanove puntos só os superaba Charli con vinte, polo que o ‘carabullo’, seguindo na súa liña, semellaba telo doado, mais non foi o caso, unha cativa saída e un erro no segundo golpe, estragaron a súa oportunidade facendo só tres puntos e como os dous ‘músicos billardeiros’ fixeron cadanseus catro remataron os tres empatados a vintetrés puntos.

Desempate pois a cara de can (deportivamente se entende) a tres carreiras que deixou este podio: Daniel, Markytos e Charli.

En equipos, os Billardeiros Musicais tiveron a tarde e deron o dó de peito acadando unha das puntuacións mais altas dende que se usa esta modalidade de puntuación (90 puntos sobre cen, só superada por este mismo equipo nas tempadas 2015-16 e 2016-17), Chaínzos-Cadaval e Carabullo completaron o podio con 84 e 83 puntos.

En donas, nesta xornada en xeral de boas puntuación para case todas elas, destacaron Sandra, Paula e Vivi. A ausencia da intratable Geni relegouna o terceiro posto da xeral xa que tanto Paula como Dori, aproveitaron para adiantala e poñerse ao mando na táboa de donas.

Os infantís van entrando en xogo e participando cada vez en maior número polo que o futuro da billarda está asegurado; nesta tarde se viron favorecidos pola bonanza do chan e remataron cunha boa actuación. Destacaron Marcos, Mateu e Aroa e amosaron boas maneiras Iker e Maré.

Suso Villarino fixo os honores entregando uns ‘saquetos’ de castañas aos gañadores e así rematou a terceira xornada da LNB.

As clasificacións quedaron en individual, Markytos (Billardeiros Musicais) con 64 puntos, Pepe Outeiro (Chaínzos-Cadaval), 61, Regueiro (Troitas Bravas), con 60 puntos, Manu Pozo (Billardeiros Musicias), 57 e Sachas (Troitas Bravas) con 56. En donas, Paula (Chaínzos-Cadaval), 33 puntos, Dori (Billardeiros Musicais), 30 e Geni  (Billardeiros Musicais), 28. Por equipos, Chaínzos-Cadaval (Castro de Rei) con 232 puntos, Billardeiros Musicais (Ribadeo), 230 e Troitas Bravas (A Pontenova) con 218 puntos.

A organización dálles os seus parabéns a todos e emprázaos á unha nova xornada en San Miguel o vindeiro sábado 16 de novembro onde seguirán coa festa billardeira na cuarta xornada da tempada.