Skip to main content
ActualidadeCervoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Goberno anuncia axudas para Alcoa de 25,2 millóns de euros

Por 31 Outubro, 2019Sin comentarios

A Delegación do Goberno en Galicia informou de que a industria galega beneficiarase de 42.188.179,72 euros do Executivo para a compensación dos custos de emisións indirectas de gases de efecto invernadoiro, como o dióxido de carbono (CO2). Esta cantidade recibirana oito empresas, con once instalacións, que desenvolven a súa actividade en Galicia, segundo a listaxe publicada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

O Consello de Ministros aprobou, na súa última sesión, a concesión das subvencións dispostas no Real Decreto 1055/2014, do 12 de decembro, polo que se crea un mecanismo de compensación de custos de emisións indirectas de gases de efecto invernadoiro, correspondentes ao ano 2018.

A listaxe completa mostra que algo máis de 42,2 millóns de euros chegará a empresas que teñen os seus centros de traballo en Galicia. Ademais, hai outras compañías como Acerinox, cun centro de traballo en Betanzos (A Coruña), que recibirá 4,9 millóns; ou Repsol, cun centro de traballo na Coruña e 1,9 millóns, que tamén se benefician desta liña de axudas recentemente publicada, ata superar os 49 millóns de euros que repercutirán na Comunidade.

A empresa que máis fondos recibe en Galicia é Alcoa en San Cibrao (Cervo, Lugo), pois a través das súas dúas denominacións (Alúmina Española e Aluminio Español) suma 25,2 millóns de euros. Ferroatlántica está a continuación, pois para as fábricas de Sabón (Arteixo), Cee e Dumbría, todas na provincia da Coruña, terá 8,4 millóns de euros. Alu Ibérica, pola súa banda, recibirá 6,2 millóns de euros na súa factoría da Coruña, a antiga Alcoa. É unha cantidade similar á que recibirá o centro de traballo da mesma empresa en Avilés (Asturias).

XUNTA

Estas declaracións prodúcense 24 horas despois de que o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participase nunha reunión entre a Xunta, os concellos de Cervo e Xove e mais o comité de empresa de Alcoa San Cibrao para avaliar a situación que atravesa a planta. Tanto Conde como os traballadores reiteraron a petición, que a Xunta xa ten trasladado ao Goberno central en anteriores ocasións, de convocar a mesa da industria electrointensiva -incorporando aos empregados da planta de San Cibrao- e de presentar o estatuto para o consumidor electrointensivo e, deste xeito, desbloquear a difícil situación da factoría da Mariña ao rebaixar o prezo eléctrico.

O conselleiro subliñou a importancia que esta planta ten para a comarca pero tamén para o conxunto da Comunidade, tendo en conta que é a única de España que fabrica alúmina e unha das tres de todo o país que produce aluminio primario, dando emprego a un total de 1.600 familias. O conselleiro incidiu en que a Xunta seguirá ao carón dos traballadores da factoría xa que a prioridade é manter os actuais postos de traballo e a competitividade da empresa.

Para logralo, Alcoa precisa competir en igualdade de condicións que o resto do mercado europeo, ofrecendo un prezo estable e competitivo. Así, Conde referiuse á aprobación das axudas compensatorias por custos de emisións indirectas de CO2 por parte do Consello de Ministros -unha medida que Galicia reclama desde hai meses- e asegurou que non é suficiente para rebaixar un prezo eléctrico que é un 40% superior á media europea.

Así, o conselleiro informou das iniciativas da Xunta incluídas na proposta do Estatuto, como as medidas de carácter fiscal – a supresión do imposto do 7% á xeración eléctrica a todos os consumidores, sexan grandes empresas, pemes ou particulares; e a eliminación do céntimo verde ao carbón-, redución de cargas e peaxes e incorporación da categoría do consumidor hiper-electrointensivo; ademais de sumar a taxa de interrompebilidade para rebaixar o prezo ata os 35/40 euros MWh. Medidas avaladas tanto polo comité de empresa de Alcoa San Cibrao, como pola Asociación Española de Grandes Consumidores Enerxéticos.