Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Burela acudirá á feira de abril de Sevilla para promocionarse

Por 2 Novembro, 2019Sin comentarios

Burela estará presente na vindeira Feira de Abril en Sevilla. Alí fará promoción turística. O Concello foi elixido para acudir a esta cita polo ‘Lar Gallego’ da capital andaluza, segundo deu a coñecer o concelleiro Ramiro Fernández Rey. 

O edil de Turismo explicou que “fomos elixidos este ano para participar na Feira de Abril, de Sevilla, por unha invitación que nos fai o Lar Gallego de Sevilla para dedicar ao concello de Burela esta edición do evento no que se refire á súa caseta. A nosa participación vai consistir basicamente nunha promoción turística de Burela na Feira de Abril. A caseta do Lar Gallego vai estar decorada con fotos e pinturas de Burela”.

Fernández Rey dixo: “entendemos que é unha maneira estupenda de promocionar Burela e desde logo estamos agradecidos ao Lar Gallego por elixir a Burela para participar nestes actos. Vamos estar alí con presenza institucional por suposto promocionando Burela dentro das nosas posibilidades”.

O concelleiro burelés engadiu que “tamén imos participar en outubro nun encontro de casas rexionais e provinciais que se celebra en Sevilla, ligado ao que é a Feira de Abril. Vamos ter alí un stand, no que imos poder facer unha promoción turística de Burela e ademais teremos a posibilidade de que os nosos produtos sexan degustados en Sevilla”.

Ramiro Fernández subliñou que “estamos contentísimos con esta invitación que nos fai o Lar Gallego de Sevilla, que é unha casa galega que está moi implantada nesa cidade, ten máis de 800 socios, co cal entendemos que é unha oportunidade única a que nos dá o Lar Gallego para promocionar alí Burela. Temos que destacar que unha das casetas máis grandes da Feira de Abril é precisamente a do Lar Gallego e por alí pasa moitísima xente, polo que é unha oportunidade única de promocionar Burela. Por iso cando recibimos a invitación evidentemente dixemos inmediatamente que si e alí estaremos intentando promocionar Burela da mellor maneira posible”.