Skip to main content
ActualidadeCervoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O alcalde de Cervo ve a Mariña en alerta máxima por Alcoa

Por 2 Novembro, 2019Sin comentarios

“Todos os mariñáns nos estamos xogando moito nestes días. Nada máis e nada menos que o noso benestar e o noso progreso. E non só o noso, senón tamén o dos nosos fillos”, sinala nun artigo enviado aos medios de comunicación, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares. “E creo importante que todos os veciños da comarca reflexionemos profundamente con respecto a este asunto. O que estamos pedindo é que a empresa de aluminio primario poida seguir na nosa comarca. E dános igual que esta empresa sexa Alcoa ou outra distinta. O fundamental é que o aluminio primario se poida seguir elaborando na nosa fábrica. Un metal que se produce a través dun proceso de electrólise que require dun consumo de enerxía moi alto, e que supón aproximadamente o 40% do gasto total empresarial”, incide.

E para que esta produción sexa posible, segundo Villares, “necesítase un prezo da enerxía equiparable ao doutros países europeos. Un prezo que si era comparable ata fai pouco máis dun ano. Desa parte ata agora non o está sendo. É así de simple. E para facer que o prezo poida ser competitivo o Goberno central, agora en mans do PSOE, ten que establecer os mecanismos necesarios para elo. Elaborar o estatuto das empresas electrointensivas parece ser que vai ser o camiño nesta nova etapa. Así se dixo. Pero ata agora este estatuto non se puxo encima da mesa. Ninguén sabe nada del. Pasan as semanas. E o risco de que a empresa peche é moi alto”, sostén o munícipe.

“Pero esta empresa do aluminio pechará igual sexa xestionada por Alcoa ou por outro grupo distinto se non se amaña o prezo da enerxía. A cuestión é que este prezo ten que estar entre 35 e 40 euros/MWh e non por encima de 50 euros/MWh como na actualidade. Isto é o fundamental. Se este prezo competitivo non se alcanza, o aluminio primario non se podería producir independentemente de que esta empresa sexa unha ou outra. E quero reiterar esta cuestión porque é así de claro e así de simple”, especifica.

“Se o prezo é competitivo xa será ou ben Alcoa ou ben outra empresa quen xestione a nosa fábrica. E, repito, se non hai un prezo competitivo, nin a Alcoa nin a ningunha outra empresa lle interesará a nosa fábrica. E nestas circunstancias quen imos perder somos todos os mariñáns. Por iso, eu pídolles aos representantes do PSOE de Lugo e aos de Galicia que medien co presidente do Goberno. Un presidente que é de todos os españoles, pero que estou seguro de que eles son mellores interlocutores á hora de convencelo. Porque a axuda que nos ten que dar o Goberno central non é para Alcoa. A axuda é para toda a comarca da Mariña. A axuda é para todos nós”, conclúe o alcalde de Cervo.

A vindeira manifestación en favor de Alcoa será en Viveiro este domingo, día 3.