Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Ribadeo constitúe o pacto local contra a violencia machista no Camiño

Por 2 Novembro, 2019Sin comentarios

Quedou constituído en Ribadeo o Pacto Local Contra a Violencia Machista no Camiño do Norte co obxectivo de previr e dar atención a posibles casos de abuso sexual e/ou violencia machista durante o seu paso por este concello. 

Desde a Concellería de Igualdade lembraron que “iniciábamos no mes de xullo este  proxecto municipal coa finalidade de potenciar a vila de Ribadeo como punto referente do Camiño do Norte na súa dirección a Santiago de Compostela, con especial fincapé en ofrecer un entorno seguro para as mulleres que viaxan soas. Sensibilizar ao conxunto da cidadanía, administracións públicas e entidades privadas sobre a importancia de xerar espazos que favorezan a prevención da violencia sexual nas rutas do Camiño de Santiago, e promover unha imaxe positiva do mesmo”. 

Igualdade e CIM sinalaron que “se editou un vídeo  froito deste proxecto de divulgación e sensibilización  sobre o dereito ás mulleres a un camiño libre de violencias machistas e sobre a opción de viaxar soas no que foron moitas e diversas as voces de mulleres que viaxaron soas que colaboraron na campaña enviándonos notas de voz, mensaxes, e cumprimentando as tarxetas nas oficinas de turismo, albergues e establecementos hostaleiros. O vídeo pódese ver neste enlace:  https://youtu.be/Y7vsxFhDmmM”.

E engadiron que “para finalizar deseñouse unha medida de impacto a nivel municipal: un Pacto Local pola Prevención da Violencias Machistas no Camiño. Comprometeuse aos axentes locais do sector comercial e hostaleiro local –hostais, restaurantes, albergues…-, á comunidade educativa e ao tecido cultural nunha proposta de actuación responsable para previr e dar atención ante posibles casos de abuso sexual e/ou violencia machista no Camiño ao seu paso por Ribadeo”.  

Desde a Concellaría de Igualdade subliñaron que “a adhesión ao Pacto Local Contra a Violencia Machista no Camiño do Norte comprende diversas medidas de actuación, de información, sensibilización  e prevención e de atención por parte dos establecementos hostaleiros, os cales se comprometen a levar a cabo unha serie de medidas para poder formar parte deste Pacto Local. Os establecementos adheridos terán no seu local ademais dun vinilo  co logo do proxecto un folleto explicativo, onde se contemplan unha serie de recomendacións do que se debe facer no caso de presenciar unha agresión machista no seu local”.

Este proxecto das áreas de Igualdade, Turismo e Desenvolvemento local do Concello de Ribadeo é unha iniciativa na que traballan da man de 7H Cooperativa Cultural e a  Cooperativa Arabías. A iniciativa conta con apoio do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.