Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Satisfacción porque liciten o proxecto de mellora da LU-540 de Viveiro

Por 7 Novembro, 2019Sin comentarios

O grupo municipal popular de Viveiro expresa a súa satisfacción polo feito de que a Xunta anuncie a licitación do proxecto de mellora da estrada LU-540 (Viveiro-Cabreiros). O amaño e mellora da seguridade desta estrada é unha necesidade amplamente sentida por todos os que teñen que facer uso dela a diario. O orzamento de redacción de proxecto ascende a 243.492 euros. Na documentación utilizada no proceso de licitación indícase que o principal itinerario a realizar polos veciños de Viveiro para desprazarse a Ferrol, ou Lugo, por exemplo, é a estrada LU-540 entre Viveiro e a AG-64 en Cabreiros. Na mesma documentación aclárase que é un itinerario de  case 40 quilómetros, e un tempo de percorrido aproximado de 35 minutos.

O tramo da estrada LU-540, entre os quilómetros 5 e 39.500, ten unha alta porcentaxe de prohibición de adiantamento, tanto en sentido Lugo (un 73% de prohibición) como en sentido Viveiro (un 83% de prohibición). Esta estrada rexistra, segundo se indica na documentación para a licitación do proxecto,  frecuentes accidentes como consecuencia do paso de animais, polo que, considérase necesario actuar para reforzar a seguridade viaria e paliar este tipo de percances. 

As intervencións a proxectar son a rectificación de curvas, de xeito que todo o trazado se corresponda cunha velocidade superior a 80 km/h; implantación de novos tramos de carrís de adiantamento, nas zonas con pendente superior ao 3 %. Neste sentido, prevense cinco tramos de carril lento en sentido Lugo e tres en sentido Viveiro. Inclúe a mellora da seguridade fronte ao cruzamento de animais; mellora da seguridade viaria en xeral. Está previsto o redeseño dalgunhas interseccións xa existentes, mellora de carrís lentos; as correccións de trazados que se consideren necesarias, análise e ordenación dos xiros a esquerda e revisión da sinalización vertical e horizontal.

Os concelleiros populares destacan que a mellora da estrada LU-540 é unha ampla demanda social, que, por iso mesmo, foi incluída como un dos puntos destacados do programa electoral do PP nas pasadas eleccións municipais. O voceiro do grupo, Óscar Rodríguez, fixo xestións en distintos ámbitos institucionais e mantivo entrevistas sobre este asunto co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez.  Óscar Rodríguez sinala que a mellora da seguridade fronte a animais é un aspecto moi relevante nunha zona na que hai moito gando que anda libre polo monte.