Skip to main content
ActualidadeMondoñedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O BNG de Mondoñedo acude á Valedora do Pobo polo acceso á información municipal

Por 14 Novembro, 2019Sin comentarios

O BNG de Mondoñedo presenta unha queixa ante a Valedora do Pobo en relación co funcionamento ordinario do Concello de Mondoñedo no que ten que ver co acceso á información, coa entrega das Actas das reunións da Xunta de Goberno Local e sobre a celebración periódica dos Plenos ordinarios no Concello. 

Segundo o voceiro do BNG no Concello, Eloi Cabanas, o funcionamento ordinario do Concello de Mondoñedo é totalmente contrario aos dereitos dos concelleiros e denuncia obstrucións nas funcións de fiscalización e control encomendadas aos concelleiros da oposición por parte da lexislación local básica. A modo de exemplo, Cabanas apunta que desde o 1 de xullo deste ano non se entregan as actas das reunións da Xunta de Goberno Local, reuníndose esta todos os luns tal e como se estableceu no pleno de organización do Concello o pasado 24/06/2019, “con este feito o goberno popular de Elena Candia incumpre de forma flagrante a lexislación vixente a cal establece que despois da celebración da xunta de goberno hai un prazo de dez días para enviar copia da acta a todos os membros da corporación”.

Por outra banda o BNG tamén se queixa pola demora no tempo de entrega da documentación solicitada formalmente no rexistro, denuncia a demora no acceso á información de expedientes que obran en poder do Concello para poder facer efectivas e reais as funcións de control e fiscalización da labor do goberno que ostentan os concelleiros da oposición.

Esta solicitude de información, no mellor dos casos, sosteñen, facilítase pasados meses desde a solicitude, o que ocasiona un grave prexuízo aos concelleiros da corporación, “a última documentación que recibimos foi solicitada por escrito a mediados de agosto e o goberno ten que saber que se no prazo de cinco días non se dita resolución denegatoria debidamente xustificada, a petición de acceso a información entenderase concedida por silencio administrativo”. Finalmente o edil nacionalista indica que tampouco se respecta a periodicidade de celebración dos plenos ordinarios establecidos igualmente no pleno de organización da nova corporación local, “último venres dos meses de xullo, setembro, novembro, xaneiro, marzo e maio”, debendo así realizarse un pleno no mes de setembro que non foi convocado, mais no mes de outubro celebráronse tres plenos extraordinarios convocados por urxencia.

Para o voceiro nacionalista as convocatorias non estaban axeitadamente xustificadas xa que o seu propio nome xa indica que debe ser unha circunstancia extraordinaria urxente a que permite convocar plenos con estas características. “Este tipo de plenos non permiten un estudo sosegado dos asuntos que conforman a orde do día e privan á oposición de debater as súas propias mocións e realizar rogos e preguntas de interese para a veciñanza”, matiza o edil nacionalista que lle pide á alcaldesa, a popular Elena Candia, que cese na súa actitude de restrición dos seus dereitos e que cumpra os prazos conforme se establecen na lei.