Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

“A Mancomunidade ten as contas saneadas, en decembro elexiremos directiva e planificamos a presencia en Fitur”

Por 18 Novembro, 2019Sin comentarios

 Alfredo Llano, está ao fronte do Concello de Burela e da Mancomunidade de Municipios da Mariña, esta última unha organización que realiza actividades e inversións coas que dinamizar o tecido económico da comarca.

Un dos aspectos dos que máis se enche de orgullo respecto das actividades da Mancomunidade é o do emprego, non si?

A Mancomunidade entregou os diplomas aos cen participantes no segundo Plan Integrado de Emprego, que veu desenvolvendo dende finais de 2018. No programa participaron dez concellos e tivo éxito, xa que 35 persoas lograron un traballo e dúas montaron o seu propio negocio. Pensamos que é un éxito extraordinario e unha boa forma de favorecer que moita xente atope traballo ou polo menos se prepare para atopalo. Nesta ocasión houbo cen participantes para a mellora ocupacional e inserción laboral, e foi dirixido case exclusivamente a colectivos de baixa cualificación ou difícil inserción laboral. Participaron concellos da Mariña oriental: A Pontenova, Ribadeo, Barreiros e Riotorto; da Mariña central: Alfoz, Burela, Foz e O Valadouro; e da Mariña Occidental: O Vicedo e Viveiro”.

Que formación se impartiu?

Formación específica centrada nos sectores agrarios e de servizos, con cinco especialidades diferentes. Hai que destacar que houbo, en formación específica, cursos de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, cursos de agricultura ecolóxica, cursos de operacións auxiliares en conservación e mellora de montes, cursos de operacións básicas de restaurantes e bar, estes todos con 280 horas, e cursos de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais con certificado de profesionalidade que foron 468 horas. Cubríronse todas as prazas para facer esta formación específica e, unha vez rematada, os participantes fixeron 80 horas de prácticas profesionais, que foi algo novidoso e bo para fortalecer este programa.

Cumpriron os obxectivos?

A obriga nosa era facilitar a inserción laboral a 35 persoas e conseguiuse unha inserción por conta allea de 34 persoas, e dúas delas crearon dúas empresas mentres estaban facendo o programa. Pensamos que na Mariña cumprimos perfectamente os obxectivos e a verdade é que houbo xente detrás que traballou moi ben e con moito rigor.

E as contas da Mancomunidade permiten pensar en inversións?

A boa xestión económica que se realizou estes anos reflíctese no remanente de 200.000 euros. Aprobamos a conta xeral. Realmente estase xestionando ben a economía da cal desfrutamos e que non é moita xa que a Mancomunidade depende das subvencións que lle dá a Xunta, a Deputación e o aporte dos concellos, dos dezaseis que conformamos a Mancomunidade. Cada Concello fai un aporte en función dos habitantes. Con todo fomos facendo fronte ao que se organizou este ano, que non foi pouco. Temos un remanente importante que imos procurar darlle saída para beneficiar ao conxunto dos Concellos”.

En decembro conformarase unha nova directiva na Mancomunidade?

Agora esperaremos á constitución dos membros da nova Mancomunidade, que será conformada aproximadamente para o mes de decembro, unha vez que se repitan as eleccións municipais nunha mesa en Burela.

Preocúpalle a situación de Alcoa?

Hai que traballar conxuntamente para involucrar a todos na procura de solucións e fronte a incertezas temos que buscar novas canles de labor, como agricultura ecolóxica, os servizos e o turismo ou a construción de barcos. A sensación de que todo caduca vai parella a unha crise de valores xeral.

Que logrou sacar adiante cun goberno en funcións en Burela a falta da repetición dos comicios municipais nunha mesa electoral?

Cumprimos o requisito da estabilidade orzamentaria, a economía local está saneada, sen débeda, e así o di tamén a Intervención. Pagamos a provedores nunha media de doce días e contamos cun orzamento de entre sete e oito millóns de euros, que permite facer obras e xerar empregos. Imos usar o Plan Único Provincial para mellorar canalizacións e para traballar mellor a mobilidade. E xa estaba de antes en marcha o plan de ampliación do pavillón e da Estación Depuradora, Edar. Unha das principais partidas recae nos servizos sociais, os fundamentais son os de axuda no fogar, emerxencias sociais, atención aos inmigrantes, violencia de xénero,

Burela é un concello cunha evidente multiculturalidade, como conxugan esa realidade?

Temos 42 nacionalidades, sobre todo de hispanos e caboverdianos, o que pode chegar ao 10 por cento da poboación. Trátase moita dela de xente nova e procuramos darlles oportunidades de emprego e servizos sociais, como a todo o mundo, para facer un proxecto de vida na localidade. Temos máis rapaces de 20 anos que xente de 60 ou 65, polo que a pirámide poboacional é perfecta. Sobre todo esta poboación traballa no sector servizos, en atención domiciliaria, os homes no mar e antes na construción.

A pesca segue sendo un sector de actividade de primeira orde?

Tódolos días póxanse 120 especies de pescada, tamén bonito. É un sector que queremos potenciar, por exemplo a través da Fundación Expomar. De feito pídense moitos traballos para o sector, hai demanda. Os retos que nos marcamos no equipo do goberno socialista van dende potenciar a actividade marítima, para asentar máis empresas, buscar canais de axuda para os comerciantes e buscar a maneira de ter una transporte público para facilitar a actividade laboral. Tamén queremos facilitar a construción de vivendas sociais e de feito hai iniciativas.