Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Alfredo Llano fai un balance moi positivo da participación da Fundación Expomar na feira de Cabo Verde

Por 29 Novembro, 2019Sin comentarios

O alcalde, Alfredo Llano, fai un balance moi positivo da participación da Fundación Expomar na feira do mesmo nome que estes días se celebrou en Cabo Verde. O rexedor lembrou que alí operan moitos armadores de Burela. O presidente da Fundación Expomar tamén subliñou que os días 12 e 13 de decembro se celebrará na localidade o I Congreso Nacional de Artes de Pesca, cuxo programa está practicamente pechado.

Alfredo Llano contou que “a Fundación Expomar é consciente de que debe estar en todos aqueles lugares onde teñamos nosoutros representación, por exemplo en Cabo Verde onde operan moitos dos nosos armadores, e polo tanto debéramos estar aí. É un sector que queremos impulsar a través de Expomar, queremos estar con eles, e aí estivemos facendo os trámites que son convenientes para dar coñecer o que é a pesca aquí na nosa terra, na comarca da Mariña, o que son as innovacións náutico pesqueiras que están ofrecendo estas feiras, ademais que a nosa Feira Expomar, que se celebra en Burela cada dous anos, é un referente clarísimo en Cabo Verde e ata lle puxeron o mesmo nome”.

O alcalde e presidente da Fudación Expomar engadiu que “se fixeron transaccións, se falou da pesca, do negocio, de tecnoloxía, e todo iso sempre é moi positivo para o sector, e desde logo nosoutros penso que tivemos unha presenza, de acordo tamén cun programa onde colaborou a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, e tamén houbo armadores nosos alí, que estiveron compartindo espazo. Tiveron a visita do Presidente de Cabo Verde e varios ministros, ou sexa que houbo relacións importantes e de alto nivel, que creo que vai ser moi positivo para futuros encontros e acordos con Cabo Verde”.

Ata Cabo Verde se desprazou estes días o xerente da Fundación Expomar, José Manuel González.

Alfredo Llano salientou que “agora mesmo estamos xa definindo e concretando o programa do I Congreso Nacional de Artes de Pesca que se vai celebrar aquí, derivado do programa que estamos a levar a cabo, a través da Fundación Expomar, que é o Centro de Coñecemento e Patrimonio Cultural Pesqueiro, no que destaca ese congreso en Burela os días 12 e 13 de decembro. Expomar está facendo o traballo que lle corresponde que, segundo os seus propios estatutos, é axudar a consolidar un futuro moi prometedor para o sector náutico pesqueiro. Así que estamos, tanto en Cabo Verde como aquí en Burela, dando os pasos fundamentais para que iso sexa así”.