O BNG do Valadouro puntualiza “as falsedades difundidas polo alcalde”

O BNG do Valadouro posicionouse ante o tema da recollida do lixo no Concello. Así,o grupo municipal viuse na obriga de informar á cidadanía e puntualizar os motivos polos que son tan críticos.

“A recollida do lixo empeorou notablemente no noso concello e faise precisa unha remodelación deste servizo, retornando á xestión municipal como garante de óptima xerencia. Consideramos que dous operarios e un camión, resultan insuficientes para a correcta recollida de residuos nos dous concellos do val Alfoz e O Valadouro”, din os nacionalistas.

“Mentres no municipio de Alfoz se efectúa correctamente a recollida selectiva de lixo, nas parroquias rurais do Valadouro carecemos de tal servizo” relatan, “a subvención do canon eólico xa existía antes do convenio con Alfoz, e respecto á cooperación co Concello veciño, debemos salientar que o BNG foi o primeiro en propoñer amplos marcos de colaboración con Alfoz. Por isonon entendemos o motivo polo que o alcalde defende tanto este concreto convenio con Alfoz, e en cambio, votou a favor de disolver a Mancomunidade Río Ouro”.

“Parécenos totalmente reprobable que o alcalde faga uso dun bando municipal para facer política partidista, pois, como todos sabemos, os bandos son documentos públicos indicados para o anuncio de normativas, convocatorias ou alertas”, finalizan desde o BNG do Valadouro.

 

Etiquetas