Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Arredor de 700 persoas desfrutaron do oitavo Mes da Maxia que organizou a Mancomunidade

Por 8 Decembro, 2019Sin comentarios

Rematou a oitava edición do Mes da Maxia, que organiza a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense baixo o convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia. Cerca de 700 persoas procedentes dos 16 concellos da comarca, pero tamén doutros puntos xeográficos, principalmente de Galicia e Asturias, desfrutaron deste evento que reafirma o seu éxito coma iniciativa de impulso e promoción para a hostalería en tempada baixa.

A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, sinalou que “a esta oitava edición do Mes da Maxia na que a Mancomunidade, xunto aos establecementos e magos participantes, traballou en reforzar coma un elemento dinamizador e de promoción do xeodestino fóra de tempada, baseando a proposta na maxia de preto e na gastronomía local, acudiron cerca de 700 persoas de diferentes procedencias”.

Hermida contou que “os datos das enquisas realizadas reflicten coma veciños e veciñas dos 16 concellos da Mariña acudiron á cita, sendo os mariñáns os principais consumidores desta iniciativa. Concretamente o 73%. Ademais, coma dato positivo en canto aos esforzos realizados para que o programa sirva como elemento tractor fóra de tempada, os datos sinalan coma nesta edición aumentaron respecto ao 2018 as persoas procedentes do resto de Galicia e tamén de Asturias. Sendo moi similar a porcentaxe entre ambas comunidades, pero é maior o aumento no caso de Asturias pasando do 2% no 2018 ao 12% neste 2019. Ademais destas dúas comunidades, desfrutaron do Mes da Maxia xente de Madrid, Valencia, Castela León e Bélxica”.

Para Tania Hermida e para o presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, “o Mes da Maxia da Mariña Lucense tamén se reafirma coma un evento para todo tipo de públicos, convivindo nesta cita persoas dende os 26 aos 65 anos, principalmente. Teñen tamén os nenos e polo tanto as familias un peso moi importante no público que acude a este evento”.

Este ano da man dos establecementos participantes: A Marquesa, A Garita, Casa do Fidalgo, O Noso Lar, Hotel – Restaurante Javier Montero, Hotel Vila do Val, Mesón O Mazo de Ferreiravella, O Rincón do Mis, Area Grande, Parador de Turismo de Ribadeo, Mesón Camiño Norte, O Lar, Casa Rural A Penela, A Yenka, Hotel Val do Naseiro, Pousada O Almacén e Hotel O Cabazo traballouse a oferta gastronómica baseándoa en produto local, galego e de tempada. Así mesmo, xunto cos magos Rafa, Teto, Kiko, e Pi retomouse a maxia de preto entre prato e prato e mantívose o espectáculo final.

A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade dixo que “os datos recollidos das enquisas amosan coma as melloras e esforzos realizados no conxunto do programa deron os seus froitos. A puntuación que lle deron os asistentes á iniciativa, ao menú, ás actuacións e ao servizo melloraron tamén respecto do ano pasado. Todas as variables anteriormente mencionadas acadaron o sobresaínte, cunha nota media de 9,3”.

Tania Hermida engadiu que “tendo en conta todos os datos anteriores, que a metade das persoas enquisadas asistiron ao Mes da Maxia por primeira vez nesta edición, que a outra metade xa asistiran no 2018 e que o 98% deles aseguraron que repetirían a experiencia, o programa que combina cun formato único ilusionismo e gastronomía local e que ten por obxectivo contribuír a diversificar, descentralizar e desestacionalizar a oferta turística da Mariña, reafirma o seu éxito coma iniciativa que sirve coma impulso e promoción para a hostalería nunha época do ano xeralmente baixa”.