Skip to main content
ActualidadeBarreirosSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Concello de Barreiros presenta unha programación de Nadal moi variada

Por 9 Decembro, 2019Decembro 12th, 2019Sin comentarios

Dende a concellería de Dinamización e Participación Veciñal do Concello de Barreiros en colaboración coas distintas asociacións do Concello presentan unha programación de Nadal variada para que a veciñanza poda desfrutar de distintas actividades nestas datas tan especiais con opción para toda a familia.

O concelleiro Dani García afirma “arredor dunha vintena de acción e actividades compoñen o calendario lúdico de Nadal de Barreiros. Con esta programación queremos que a veciñanza  poda desfrutar destas datas no seu Concello, cunha oferta de actividades para todos os  públicos e que tanto as actividades organizadas por unha ampla variedade de asociacións  locais como polo propio Concello teñan unha maior e mellor difusión.”

O domingo 8 de decembro, será a Recollida Solidaria de xoguetes novos, xoguetes usados e material escolar. Está organizado polos Anpas dos Colexios de San Cosme e San Miguel no Centro Sociocultural.

O mércores 11 de decembro ás 12.30 horas haberá unha Videoconferencia do alumnado do colexio de San Cosme con Papá Noel na Aula Cemit, e o venres 13 de decembro ás 11.00 será no colexio de San Miguel con Papá Noel.

O sábado 14 de decembro será a Recollida Solidaria de alimentos non perecedoiros no Pavillón Municipal e o mércores 18 a exposición Culturas en diálogo. Somos migrantes, abrimos camiños chegará a Sala Colexios Vellos San Miguel coincidindo co Día Mundial das Migracións. Poderase visitar ata o 31 de decembro.

O día 20 será o último día de prazo para o Concurso de Poesía e Debuxo de Nadal, e ás 22.00 horas estrearase a obra de teatro  O Documento a cargo do Grupo Teatro colectivo Cultural Ollomao nos Colexios Vellos San Miguel. Esta mesma obra poderase ver o sábado 21 de decembro ás 20.00 horas, e o 22 de decembro ás 18.00 horas.

Xa o luns 23 ás 11.00 horas será o obradoiro infantil Creación Adornos de Nadal que está organizado polo Concello de Barreiros. E ás 18.00 horas Teatro de Marionetas representará O agasallo de Anya no Centro Sociocultural.

O martes 24 de decembro ás 11.00 haberá unha festa de Nadal coa recepción de Papá Noel e xogos e talleres no Centro Sociocultural e o día 27 ás 17.00 o Seminario de Estudos Os Espigueiros fará un parladoiro sobre Barriga Verde nos Colexios Vellos de San Miguel.

O domingo 29 ás 18.00 horas o Concerto de Nadal da Coral Polifónica de Barreiros amenizará a tarde no Centro Sociocultural e o luns 30 ás 18.00 o Apalpador visitará o Centro Sociocultural e o Grupo Infantil Ollomao representará a obra Como está o patio.

O domingo 5 de xaneiro o deporte voltará a Barreiros da mán da Carreira Popular Solidaria de Reis que dará comezo ás 11 coa andaina solidaria, despois seguirán as categorías de menores e ás 12.30 comezará a carreira absoluta de 7 km. Xa pola tarde, os Reis Magos chegarán ao Concello, así, ás 16.30 estarán en Celeiro de Mariñaos, ás 19.00 en San Miguel de Reinante, ás 19.30 en San Pedro de Benquerencia e ás 20.00 en San Cosme de Barreiros.