Skip to main content

Esta fin de semana, os días 14 e 15 de decembro, celébrase en Burela o X Mercado de Nadal, que organizan unha ducia de asociacións da localidade coa colaboración do Concello. O obxectivo é recadar fondos para estes colectivos. Haberá postos de libros, antigüidades, etc… O concelleiro de Cultura, José Díaz, fai unha chamada á solidariedade.

O edil anuncia que “este fin de semana temos o rastrillo solidario do Nadal, que é a décima edición. Participan varias asociacións de Burela que poñen produtos na praza de abastos, de todo tipo de cousas, obxectos, libros, antigüidades, roupa, un pouco de todo, e todas as ventas son en beneficio de cada unha das asociacións”.

José Díaz sinalou que “sempre está moi concorrido este mercadiño, esperemos que este ano tamén. Queremos agradecerlles ás asociacións a súa participación, van estar aí durante sábado e domingo, a partir das dez da mañá ata as nove aproximadamente da noite. A ver se todos colaboramos un pouquiño, encontramos por aí algún pequeno tesouro e de paso axudámoslle a todas estas asociacións que se moven e que traballan en Burela sen ter ningún tipo de beneficio e a favor de diferentes causas. Así que esperamos que funcione ben e que haxa moita participación da xente no mercadiño”.

Compañía Nacional de Danza de Ucrania

O concelleiro de Cultura lembrou que “aínda quedan na billeteira moitas entradas por vender para asistir á actuación que a Compañía Nacional de Danza de Ucrania ofrecerá o 25 de decembro, no pavillón Vista Alegre, co espectáculo Virsky. A verdade é que a venda ralentizouse moito nestes últimos días. Gustaríame que houbera moita xente ese día porque é un espectáculo que penso que é moi difícil que se repita na zona, xa non digo en Burela senón en toda A Mariña. Son espectáculos que van a grandes cidades como xa levamos dito nós e a propia compañía, ConcertLírica. Tamén porque é o día que é, é o día de Nadal, que é verdade que hai comidas familiares, pero á tarde tampouco hai grandes plans. Esta penso que é unha boa proposta, pode acudir toda a familia, vaille gustar tanto a pequenos como a maiores. Iso debe ser un pouco motivador para que aumente esa venda de entradas e que consigamos encher o pavillón, que é un espazo grande, e que luce moito máis se logramos meter as case mil persoas que collen”.

José Díaz asegurou que “a xente que acuda non se vai arrepentir do que vai ver porque é a combinación de danza, de ximnasia artística e de virtuosidade. Ademais de toda a parte decorativa, o escenario, os vestiarios dos bailaríns, todo fai que sexa un espectáculo que merece a pena. Entendo que o día ao mellor non era o ideal pero intentamos buscarlle a parte de que sexa atractivo para a xente. Tamén fixéramos un 25 de decembro, fai dous anos, un concerto de Nadal no que se encheu o auditorio. Imos esperar, aínda quedan días para que siga aumentando a venta de entradas, necesitamos tamén da xente que ven de fora de Burela, de toda a provincia de Lugo, porque Virsky non vai estar en ningún outro sitio, así que confiamos na presenza da xente que non é do noso pobo e que a verdade que nunca nos falla”.