En Marea fai unha proposta para procesos concursais como o de Muebles Hermida

A situación laboral que vive a empresa Muebles Hermida, en Lourenzá, precisa unha solución que garanta que os traballadores poidan cobrar os salarios atrasados e que as familias dependentes destes salarios teñan garantidos os ingresos. O voceiro de En Marea, Luís Villares, mantivo conversas co responsable do comité de empresa, Manuel Franco Otero, para trasladar ao Parlamento de Galicia as reclamacións da plantilla centradas funamentalmente no pago dos salarios atrasados e na continuidade dos postos de traballo.

Secundando as peticións da plantilla, En Marea proporá á Xunta de Galicia dúas accións principais: que a Xunta se implique na procura dun plan de viabilidade para a empresa que pase polo cambio nos xeitos de produción e que asegure o futuro deste proxecto empresarial.

A segunda das propostas de En Marea é a posta en marcha dun programa de liquidez para o adianto de salarios para as plantillas en empresas implicadas en procesos concursais. Segundo Villares “este programa debería aplicarse en situacións como a que padece actualmente Muebles Hermida”. O programa de liquidez entraría en funcionamento cando se producen impagos de salarios en empresas en situación concursal, a administración autonómica abonaría os salarios aos traballadores e recuperaría ese diñeiro en canto se resolve o proceso. Na actualidade, os procesos concursais poden dilatar ata nove meses o pago destes salarios, o que causa graves prexuízos para as familias e que poden implicar desafiuzamentos por impagos de hipotecas e situacións igual de severas para as familias.

“O cometido deste programa de liquidez non sería gravoso para os orzamentos da Xunta de Galicia posto que se trata somentes dun adianto económico que se recupera coa resolución do concurso e das cantidades recoñecidas aos traballadores no mesmo” tal como explica o Voceiro de En Marea. Coa intervención da Xunta se solventaría unha situación que na actualidade se resolve de maneira individual por cada un dos traballadores.

En Marea lembra que experiencias semellantes tiveron lugar recentemente canda a creba dunha empresa turística en Baleares ou no sector agrario, coas entregas a conta por compromisos de pago adebedados aos produtores. Outro suposto tivo lugar logo do sinistro do Prestige, co pago aos particulares dos danos e a subrogación posterior do Estado na súa posición fronte ao causante dos danos. Calquera das situacións anteriores ten en común con esta proposta o adianto de cantidades que se sabe que son debidas e han ser aboadas, polo que se trata dunha simple operación financeira de adianto dun diñeiro a propia administración recuperará cos seus correspondentes xuros.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: