Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Un vídeo sobre a realidade do mar en Galicia será presentado en Bruxelas

Por 14 Decembro, 2019Sin comentarios

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presentará en Bruxelas o vídeo Galicia, desde o marGalicia, by the sea-, co que a comunidade autónoma galega pretende trasladar ás autoridades europeas a realidade do seu mar e das súas xentes e concienciar da importancia de que á hora de fixar os totais admisibles de capturas (TAC) e cotas, así como outras medidas de xestión no eido marítimo-pesqueiro, non só se teñan en conta os aspectos medioambientais senón tamén os económicos e os sociais.

Así o explicou hoxe a titular de Mar en Madrid, tralo Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios e a Conferencia Sectorial de Pesca, nos que se perfilou o posicionamento de España para as negociacións da próxima semana no Consello de Ministros de Pesca da UE. Este encontro, no que Galicia representará novamente ás comunidades autónomas da man do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, é decisivo para a frota pesqueira, xa que nel se negociarán as posibilidades de pesca de 2020. 

De aí, incidiu Rosa Quintana, a importancia de defender os aspectos socioeconómicos da actividade pesqueira, ademais dos medioambientais. “Temos que seguir mellorando a situación dos nosos stocks, pero tamén a dos nosos pescadores, pois necesitamos seguir mantendo o bo estado de saúde dos recursos pesqueiros, pero sen levar por diante ao sector que vive desta actividade”, manifestou a conselleira.

O vídeo que se presentará mañá en Bruxelas súmase aos dous informes de impacto socioeconómico realizados por Galicia en relación aos recortes propostos pola Comisión Europea nas posibilidades de pesca da pescada e do xurelo e que xa foron entregados pola titular de Mar tanto ao Goberno central como á Comisión Europea. 

Deles despréndese que só estas propostas de baixada para ambas especies en augas comunitarias –no caso da pescada dun 20% de media entre augas do Cantábrico Noroeste e Gran Sol e no xurelo un 48% de media entre augas do Cantábrico e ao sur de Fisterra- terían un impacto de case 90 millóns de euros no conxunto da economía galega. Estes documentos tamén reflicten que a proposta da Comisión Europea para a pescada e o xurelo afecta a preto de 3.700 tripulantes das frotas que as capturan.

Rosa Quintana fixo fincapé ademais na importancia de ter en conta o traballo feito polo sector. Un labor, subliñou, a prol da recuperación da biomasa global dos recursos pesqueiros no Atlántico e que permitiu que preto do 80% das cotas se estableza en niveis de rendemento máximo sustentable (RMS). 

A Consellería do Mar está a traballar ademais na defensa dos intereses galegos na fixación de cotas de especies como a anchoa, cuxa proposta está pendente de coñecer. Tamén están pendentes as propostas da xarda e do lirio, que dependen da negociación no seo da Comisión de Pesca do Atlántico Nororiental (Neafc). Á marxe das posibilidades de pesca que se fixarán en Bruxelas a semana que vén, a titular de Mar lembrou hoxe ao Goberno central a necesidade de solicitar que se manteña a bolsa de especies con TAC cero para facer fronte á obriga de desembarque que entrou en vigor este ano.  

Vídeo ‘Galicia, desde o mar’ 

A peza audiovisual que a Consellería do Mar presentará mañá en Bruxelas conta coa participación de profesionais do sector pesqueiro galego que relatan o seu día a día e mostran o que para eles significa traballar no mar. Deste xeito trátase de poñer faciana aos milleiros de traballadores que están vencellados coa pesca e co marisqueo en Galicia co obxectivo de facer que o Executivo comunitario sexa consciente de que as medidas que adopta neste eido teñen consecuencias na actividade destes profesionais que dependen do mar e non entenden o seu día a día sen el.

A Consellería do Mar pretende lograr que esta mensaxe favoreza unha xestión pesqueira que non se limite a fixar un número de toneladas de pesca por especie ou a establecer unhas normas para un determinado número de buques, senón que á hora de adoptar esas medidas se teña en conta o impacto que teñen no sector. É dicir, que as decisións se tomen analizando as tres vertentes que a Xunta sempre defendeu, tanto a medioambiental como a económica e a social. A presentación do vídeo será mañá ás 12.30 horas no Hotel Thon de Bruxelas e correrá a cargo da conselleira do Mar.