A principal vía de comunicación de Trabada con Lugo vai ser mellorada

A Deputación de Lugo traballa na mellora da estrada provincial LU-P- 5506, que conecta Aguaxosa con Trabada, e que supón a principal vía de comunicación deste municipio coa capital lucense. O presidente, José Tomé, como responsable directo da área de Xestión Territorial, explicou que os traballos consisten na apertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización horizontal de tres quilómetros da vía, entre os puntos 4,2 e 7,2, e acométense a través do Plan Extraordinario de Rehabilitación de Firmes (PERF).

Con esta actuación, a Deputación mellora a seguridade viaria e a comodidade desta importante vía de comunicación, a que principalmente utilizan os veciños e veciñas de Trabada para desprazarse á capital da provincia. A previsión é que as obras finalicen entre esta semana e a vindeira, en función das condicións meteorolóxicas.

O presidente ratificou que, tal e como plasman os Orzamentos de 2020, unha liña de actuación prioritaria da Deputación é a mellora da rede viaria. “Cremos que a mobilidade é un dereito máis da cidadanía, e manter en bo estado as comunicacións por estrada é imprescindible para garantir a igualdade de oportunidades e o equilibrio territorial, e, polo tanto, para fixar poboación no rural”.

Con este novo investimento e as obras realizadas o ano pasado, o tramo da estrada provincial de Trabada a Augaxosa renovado sumará 6 quilómetros, polo que só quedarán outros catro para finalizar o arranxo da totalidade da vía.

Etiquetas