Café en taza

Por Noelia Castro Yáñez

O respecto ás formas, favorece o respecto ao fondo. Así comecei unha mensaxe a unha alumna que faltou inxustificadamente a clase. Coido que non estou a ser todo o rigurosa na expresión como debería. Inxustificada foi a súa ausencia, mudou a clase por un paseo a un mercado de Nadal.

Sempre intento templar o xenio, entre libros e papelería é doado calmar os nervios. Con nordeste de fondo e entrando os raios de sol pola fiestra de riba procurei escribirlle algo que lle fixese pensar. En tempos onde estamos a recibir información por todas partes, é importante sesgala; a intelixencia agora coido que reside na capacidade de discernir a súa veracidade, filtrala e escoller a que nos aporte algo de fondo, e de verdade. É importante fixarse nas fontes case tanto coma no contido, o mesmiño que cando xogabamos ao “teléfono escacharrado” no patio do Pedro Caselles Rollán. Resúltame moito mais doado lidiar co temperamento na Academia ca nos chanzos do Folgueiro. Aquí si que cadra “Ser dos que gañan é moi sinxelo, pero sufrir con vosco parécenos mellor” . Non vou a retratar a relación co equipo, cimentada a partires dunha identidade que trascende aos resultados. Son xente de aldea, coma min. Que se visten de gala para cada partido, e viven os noventa minutos coa mesma intensidade ca unha carreira á casa desde o garaxe con torbón. A afeción converte á xente nova en familia. Escoitábase nos 90 “facerte dun equipo é coma unha conga, é moi doado entrar, pero moi difícil sair” naqueles anos nos que todo o país se bañaba en excesos cun Deportivo glorioso. Con Bebeto pichichi no 92, 29 goles nunha tempada. 4 mais ca leva o Folgueiro a favor (por non falar de en contra), a miña crónica dos partidos ten pouco de periodística e demasiado pouco rigor futbolístico. Pero moito de emocional, disfruto cada café na bancada mais ca cada bocanada de aire algún xogador que carece de cambio. O café da cantina recórdame ao da casa dos avós, en cafeteira de goteo. Canto teño ido á taberna por filtros! En bicicleta pasar a Ponte do Carro era unha aventura, a avoa sempre que me vía me contaba cando Caña Güeca a cruzaba cargado de herba, e eu sentíame tremendamente pequena. A tentas e amodiño para tentar de non caer, ata que medrei e pasei a cruzala sen mans. E si, case sen dentes. No chinero da cociña gardaba a avoa os apetrechos para facer o café, e bebíamolo requente ata que se remataba a xerra de cristal. E aínda hai ollos de extrañeza cando me ven rematar de traballar e apurar un café no Xoyma, sen darse de conta do que me presta recordar cando o tomaba co avó, en taza. Aquelo si que era café. Tremendamente noviña para non ter ningún avó, e morriñenta coa entrada do Nadal, coido que o difícil é aprender a vivir coa súa ausencia. Pero de seguro que endexamais morrerán no meu recordo e eso é o que os vai a manter vivos na memoria.

Anisiña, por aquí todo segue coma sempre. Sigo a andar pola casa cos cadrís destapados e sigo a botar de menos os teus berros laimeiros. Tamén sigo camiñando descalza coma Rogelia, e agora reñemos unha coa outra “porque todo entra polos pés”, como ti decías. A miña mormeira dos domingos á tarde acrecéntase en Decembro. Outro sen ti. Habíache gustar vir ver o fútbol conmigo. Aínda que non entendeses moito, coma cando lle preguntaches a papá que de quen ía o de amarelo. Coma en todo, premian os valores e os bos xestos. É tremendamente gratificante ver aos alumnos compartiren palabras de alento, sobre todo nesta recta de fin de ano. Tamén se sente este ambiente nalgúns terreos de xogo. E con eso me quedo, con lograr crear un ambiente de traballo agradable. Un balón fóra cando hai unha compañeira no chan, un boli prestado a metade dun simulacro importante, ese “sorte mañá” entre dentes, tímido, antes de marcharen. É importante dar o mellor de cada un de nós, pero tamén dar o mellor de nós aos demais, como diría Juanciño “ imos sacar un dez”, así en plural. Porque recibes o mesmo que das, e ti chámalle como queiras.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: