Sentidiño, elexida a Palabra do Ano

Sentidiño é a Palabra do Ano 2019. Así o determinou a elección virtual pública promovida polo Portal das Palabras, a web de divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. O termo máis votado polas persoas que participaron na escolla constitúe unha forma de noso de denominar o sentido común, un antídoto eficaz para moitas das preocupacións sociais que adoitan reflectirse nesta iniciativa que conecta a lingua coa actualidade. Feminicidio foi a segunda palabra máis votada nun ano no que as rúas volveron encherse de voces contra a violencia de xénero e narcosubmarino, apenas semanas despois de irromper na linguaxe cotiá de Galicia, acadou o terceiro posto. Seguíronlles, por esta orde, quecemento global, ecocidio e negociación, os outros termos que foran finalistas tras unha recollida de propostas entre o público, que deixou un regueiro de suxestións nas que a reivindicación da igualdade de xénero e da xestión sostible dos recursos naturais compartiu protagonismo coa actualidade política local e global.

En total sentidiño acaparou o 51 % dos votos emitidos, feminicidio conseguiu preto do 20 % e narcosubmarino rozou o 15 %. Quecemento global sumou o 8 %, ecocidio acadou o 5 % e negociación foi a menos elixida con apenas o 1% dos votos.

A palabra gañadora deriva de sentido, que se orixina á súa vez da substantivación do participio pasado do verbo sentir, procedente do equivalente latino sentire ‘percibir polos sentidos’. De todas as acepcións que recolle o Dicionario da Real Academia Galega da palabra sentido, refírese á cuarta, a “capacidade mental de actuar de maneira razoable e correcta”. O aspecto máis interesante do termo é o papel do sufixo derivativo –iño, que neste caso non outorga á nova palabra o matiz habitual de máis pequeno senón o de ‘calidade de sensato’, expresando con frecuencia tamén certa complicidade coa persoa coa que se fala. De feito, o noso sentidiño pode considerarse un sinónimo do sentido común, que o Dicionario define como ‘bo xuízo’ ou ‘calidade ou capacidade de xulgar e actuar cabalmente’.

Outra palabra da nosa lingua para se referir ao mesmo concepto que designa sentidiño é siso, ‘bo entendemento para falar ou actuar’, e tamén atopamos vocábulos similares noutros idiomas próximos. O sentidiño aseméllase moito, de feito, ao seny do catalán, cuxa primeira acepción denomina a ‘ponderación mental’. Bebe tamén do latín sentire, raíz compartida igualmente con outras solucións de idiomas da mesma familia nos que o adxectivo bo funciona como o o fai o sufixo -iño na Palabra do Ano 2019. É o caso do buonsenso italiano, o bon sens francés ou o bom senso portugués.

Na banda dos antónimos o galego conta con termos con arrouto ou arroutada, definido nunha das acepcións que lle asigna o Dicionario como aquel ‘feito pouco atinado ou pouco razoable’.

De corrupción a deseucaliptización
O Portal das Palabras é un proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a divulgación do léxico da nosa lingua. Cada semana, desde esta plataforma ambas as institucións ofrecen xogos, vídeos e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. “A palabra do día” é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias. Desde 2014 convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na elección da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores gañaron deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —cadrando co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado/a (2015) e corrupción (2014).
O traballo conxunto entre a Real Academia Galega e a Fundación Barrié permitiu levar a cabo as últimas actualizacións do Dicionario da Academia, que fan posible un uso máis personalizado e interactivo, e o desenvolvemento de aplicacións para empregalo desde teléfonos móbiles e tabletas con sistemas iOS e Android.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: