Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Viveiro reclama á Xunta a ampliación dos xulgados e a terceira sala de primeira instancia

Por 2 Xaneiro, 2020Sin comentarios

O Concello de Viveiro reclama á Xunta de Galicia a ampliación do edificio dos xulgados e a creación dunha terceira sala de Primeira Instancia e Instrución.

O concello realizou as xestións oportunas para a cesión gratuíta de varios locais de titularidade municipal para satisfacer estas demandas a favor da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o acordo adoptado polo pleno municipal o 4 de novembro de 2015. Naquel momento, o equipo de goberno liderado por Melchor Roel impulsou esta cesión vendo os recortes que se viñan producindo nos xulgados.

Despois dunha longa tramitación, o expediente de cesión xa está concluído e o concello xa ten posto a disposición da Xunta os locais cedidos. A Dirección Xeral de Xustiza, a petición do concello, concedeu un prazo de tempo para rematar de revisar os fondos bibliográficos que permanecían almacenados neses locais, onde anteriormente se ubicaba a biblioteca municipal. Estes traballos rematarán a finais da vindeira semana.

“Entendemos que o concello cumpriu e agora toca reclamar a creación dese terceiro xulgado; consideramos ademais que coa posta a disposición destes locais se atenden as demandas dos traballadores do Xulgado, cando indicaban que había pouco espazo e era necesario habilitar unha sala especial para atender as mulleres vítimas de violencia de xénero”, asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

Finalmente, o Concello de Viveiro apoia as reivindicacións dos traballadores do Xulgado, tendo en conta que o volume de traballo se incrementou nun 215% segundo se constatou nas inspeccións do Consello Xeral do Poder Xudicial. Dende o concello, tamén se requirirá máis persoal á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.