Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

A Deputación encárgase da reforma do cemiterio de Altamira en Viveiro

Por 3 Xaneiro, 2020Sin comentarios

O Concello de Viveiro agradece a implicación da Deputación de Lugo nas obras para subsanar as graves deficiencias no cemiterio municipal de Altamira, moi afectado pola riada que sufriu a vila en 2018.

As inundacións acontecidas o 18 de novembro de 2018 causaron graves destrozos materiais en diferentes lugares do concello, moi especialmente no barrio de Xunqueira, pero tamén en moitos outros puntos do municipio. Entre as edificacións afectadas está o cemiterio municipal de Altamira, que presenta patoloxías e deficiencias estruturais producidas no muro de contención sur das instalacións.

Ante a gravidade da situación, o Concello de Viveiro demandou a colaboración da Deputación de Lugo que, implicándose desde o primeiro momento, aprobou en marzo de 2019 un convenio interadministrativo para a redacción do proxecto técnico das obras de urxente necesidade no cemiterio municipal, por un importe de 16.940 euros (asumidos pola institución provincial).

“Foron momentos moi duros e complicados, unha situación moi difícil para Viveiro, polo que temos que agradecer a rápida resposta da Deputación, sempre en disposición de axudarnos”, lembra a alcaldesa, María Loureiro.

Tras a redacción  do proxecto ‘Obras de reparación do muro de contención do recinto do cemiterio municipal de Altamira’, este concello solicitou unha addenda para facer constar que a actuación obxecto do mesmo se corresponde coas obras nas instalacións, cun orzamento de execución de 96.235,21 euros.

A Deputación, probando unha vez máis o seu compromiso co concello, aprobou o pasado 27 decembro a modificación do convenio interadministrativo entre ambas administracións para a execución dos fins comúns consistentes en: cooperación na redacción do proxecto técnico, licitación e execución das obras de urxente necesidade no cemiterio municipal.

Segundo esta modificación, os investimentos comprometidos pola Deputación ascenden a 113.175,21 euros, dos que 16.940 euros corresponden á cooperación na redacción do proxecto e 96.235,21 euros ás obras.