Skip to main content

O alcalde, Alfredo Llano, confirmou que non haberá coalición co BNG. O PSOE gobernará en minoría en Burela e seguirá en conversas cos nacionalistas cos que poderá chegar a acordos puntuais ao longo deste mandato. O pleno de organización podería celebrarse a vindeira semana.

O rexedor contou que “tivemos unha última reunión de momento para tratar de achegar posturas no aspecto de si se integraba ou non o Bloque Nacionalista Galego no equipo de goberno”.

Alfredo Llano dixo que “todas as reunións que tivemos foron sempre moi respectadas, houbo un ambiente extraordinario de colaboración, de propostas e de rigor. Tratamos sempre de levar as cousas da mellor maneira posible co respecto que nos temos e mirando polo ben común do concello de Burela”.

O alcalde subliñou que “nesta reunión acordamos que non houbese integración no equipo de goberno por parte do BNG, porque existe algún floco, hai algunha cuestión de representatividade e de proporcionalidade nas que non coincidimos. Polo tanto consideramos que non debemos, agora mesmo, chegar a un acordo derivado desa problemática que tíñamos aí”.

Llano sinalou que “hai que ter en conta tamén a decisión das diferentes asembleas realizadas polo BNG e polo PSOE. Había aí un floco que foi difícil de superar e non se superou, polo tanto acordamos que non se integre o Bloque no equipo de goberno”.

O rexedor burelés engadiu que “iso significa que gobernaremos en minoría, tratando loxicamente de apostar por un método no que dalgunha maneira colabore o Bloque, imos estar sempre informando, como loxicamente tamén ao PP. Pero imos tratar de facer un fronte da esquerda para asentar temas de programa, que pode interesar que consensuemos para Burela. Dalgunha maneira imos procurar seguir contando co Bloque para que dalgún xeito conformemos un equipo, aínda que no estean integrados no goberno, de colaboración e de axuda para constituír unha lexislatura moi positiva para o conxunto dos veciños e das veciñas de Burela”.