Skip to main content
AMARIÑAXA

Falemos da fascite plantar…

Por 14 Xaneiro, 2020Sin comentarios

Por Yaiza Puente

Unha das causas máis comúns de consulta podolóxica é a fasciopatía plantar. Entendemos a fasciopatía plantar coma unha lesión na fascia da planta do pé que produce moita dor nos talóns e que pode chegar a ser incapacitante para o quefacer diario.

Como ben dicimos, o principal síntoma é a dor no talón, que empeora nos primeiros pasos do día, coma ao levantarnos da cama, ou despois dun período de inactividade física, por exemplo cando estamos moito tempo sentados. A medida que van pasando as primeiras horas do día esta dor soe disminuir, pero cando xa levamos moito tempo de pé ou camiñando volve a desencadearse unha importante dor. En fases avanzadas, a dor pode ser continua e mesmo obrigar a coxear.

Pero, ¿qué é a fascia plantar?

A fascia plantar é un tecido fibroso que se estende dende o talón ata a base das dedas e que ten unha función moi importante ao camiñar: é a responsable de manter o arco plantar e devolver a enerxía que se produce cando o pé impacta contra o chan.

A fascite plantar trátase dunha inflamación da fascia plantar. A fascite preséntase cando se producen microrroturas na fascia por traumatismos de repetición ( en moitos casos provocados por unha alteración na pisada).En moitas ocasións, estas microrroturas do tecido provocan unha alteración progresiva do coláxeno podendo  chegar a  producir unha dexeneración da fascia. Neste caso xa estariamos a falar de fasciose plantar. Por iso é máis correcto falar de faciopatía plantar, termo que inclúe a fase inflamatoria aguda (fascite) e a fase dexenerativa (fasciose).

Como a fascia se inserta no óso do talón (o calcáneo), unha tensión mantida na fascia pode provocar a aparición secundaria dun espolón calcáneo.

Cales son as causas desta doenza?

As causas máis comúns que conlevan a aparición dunha fasciopatía plantar son: sobrepeso, alteracións da pisada, calzado inadecuado, pronación excesiva, patoloxía no tendón de Aquiles, disminución da mobilidade do pé, etc.

Cómo podemos evitar a fasciopatía plantar?

A mellor forma de evitar calquer doenza é a prevención.

En caso de ter unha alteración na pisada é importante realizar un estudo biomecánico da marcha para compensar o apoio inadecuado do pé e así previr que se desencadenen os síntomas.

É moi importante usar un calzado correcto en función do peso e da actividade física que cada persoa realiza.  Á hora de escoller o calzado debemos ter en conta que a sola teña certo grado de flexibilidade, pero que non nos permita “estruxalo” zapato coma un trapo. Debe ter una contraforte consistente para que recolla ben o talón e sempre debe contar cun sistema de abroche tipo cordón ou velcro.

No caso de notar lixeiras molestias no talón, non debemos esperar moito tempo para acudir ao podológo. Nos casos de fasciopatía plantar hay unha relación directa entre o tempo de evolución da patoloxía con respecto ao tempo de curación do tecido. Así pois, canto máis tempo esperemos para porlle solución, máis se dexenerará o tecido, e polo tanto, máis complicado será o seu tratamento.

Os síntomas de fascite ou fasciosis son compatibles con outras  dores no talón por eso é moi importante realizar un bo diagnóstico.

Segundo o Colexio de Podólogos de Galicia, o 80% das persoas con fasciopatía plantar presentan unha resolución completa da patoloxía en menos de 12 meses.

Os estudios científicos demostran que nos meses iniciais da doenza, a dor responde ben a unha combinación de tratamentos: o tratamento físico realizado polo fisioterapueta e máis o axuste biomecánico realizado polo podólogo mediante plantillas personalizadas.

Por iso, non dubide ! Se nota dor nos seus pés acuda ao seu podólogo de confianza, que lle poderá axudar na resolución da súa doenza.