Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O PP de Ribadeo esixe unha rebaixa no recibo do lixo

Por 14 Xaneiro, 2020Sin comentarios

O Grupo Municipal do PP de Ribadeo solicita que “o goberno local do BNG aplique unha redución proporcional no recibo da taxa municipal que cobra aos ribadenses pola recollida do lixo” despois de que “o goberno de Fernando Suárez decidira deixar de prestar este servizo os días festivos”.

A vicevoceira do Grupo Municipal do PP de Ribadeo, Elena Sierra, incide en que “dende o Grupo Municipal Popular continuamos defendendo a mesma postura: que se manteña a recollida do lixo tamén durante os festivos”. Dende o PP ribadense consideran que eliminar este servizo supón “unha redución dos servizos públicos aos veciños e veciñas de Ribadeo”. Así mesmo, a popular indica que “a presenza de lixo nas rúas do municipio é prexudicial para o turismo porque ofrece unha mala imaxe de Ribadeo”.

A concelleira do PP ribadense tenlle solicitado ao goberno local do BNG “menos escusas e máis solucións” na procura dun plan de traballo que respectara as condicións dos traballadores e garantira a recollida do lixo todos os días do ano. “Xa que dende o goberno de Fernando Suárez non escoitaron as nosas peticións e decidiron de forma unilateral prescindir da recollida durante os festivos, esperamos que teñan en conta que as taxas polo servizo que cobran aos veciños e veciñas deben diminuír na súa porcentaxe proporcional”. Sierra defende que “non é xusto que os ribadenses teñamos que pagar por un servizo municipal que non se presta”.