O BNG de Burela decidiu na súa asamblea local non entrar no goberno local

Este semana reuniuse a asamblea local do BNG para valoralos últimos contactos co PSOE e tomar unha decisión sobre un posible goberno en coalición. Despois de expoñer á asamblea como se produciron os contactos e as negociacións, como evolucionaron as posturas, pasaron a debater para decidir en función diso. Finalmente os nacionalistas decidiron non entrar nese goberno posto que, segundo explica o voceiro do BNG, Mario Pillado, “non atopamos o nivel de confianza necesario para chegar a un acordo e desenvolver un proxecto político para a nosa vila a longo prazo, por iso cremos que o mellor é que sigamos traballando pola veciñanza na oposición, que o PSOE goberne en minoría que era a intención do señor Alfredo Llano dende un principio”.

En verbas do voceiro nacionalista, Pillado di que “se facemos un balance das negociacións, nos comezamos cedendo na nosa proposta de áreas de goberno que críamos que debíamos xestionar. Por iso marcamos prioridades en canto á representatividade do noso grupo en tódolos ámbitos pero tampouco se aceptou. Para tentar chegar a un acordo flexibilizamos a nosa postura rebaixando as nosas pretensións en canto ás dedicacións, pero iso tampouco serviu. Nun último intento rebaixamos tamén en canto á representatividade na xunta de goberno local pero seguían os problemas. Iso fixo que se xerara unha desconfianza que imposibilitou o acordo. Semellaba que dende a outra parte nunca eran suficientes as concesiós que facíamos”

Dende o BNG asumen que tomaron unha decisión firme e fanse responsables das consecuencias. Para Mario Pillado “agora estamos na oposición, o seguinte paso é o Pleno organizativo deste martes, temos uns días para analizar a proposta de goberno do alcalde e ver como a podemos matizar ou enmendar”.

“Xa neste Pleno poderase ver como se desenvolve cada grupo nesta nova situación, cunha aritmética diferente e no que se poden producir todo tipo de situacións” finalizou o voceiro do BNG, Mario Pillado.

 

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: