Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

A Deputación fomenta o coñecemento e o coidado do medio mariño con varias actividades

Por 22 Xaneiro, 2020Sin comentarios

A deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou a colaboración da institución provincial co Centro Oceanográfico de Vigo, pertencente ao Instituto Español de Oceanografía, que depende do Ministerio de Ciencia e Innovación, para desenvolver na provincia o proxecto divulgativo Mar interior: un océano de oportunidades no corazón de Galicia, unha iniciativa que fomenta o coñecemento, coidado e respecto do medio mariño entre os estudantes e o público en xeral.

O pazo de San Marcos acollerá dous obradoiros e unha exposición específica entre os días 18 e 22 de febreiro. A actividade trasladarase á Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte de Lemos do 23 ao 29 de marzo.

“Traendo este proxecto á provincia, queremos contribuír a poñer en valor e visibilizar o labor investigador desenvolvido en Galicia en ciencias do mar, especialmente no relacionado co coñecemento dos océanos, a sostibilidade dos recursos pesqueiros e a inmensa riqueza do medio ambiente mariño”, dixo García Porto, quen explicou tamén que a Deputación de Lugo colaborará con este proxecto financiando o transporte dos escolares dende os seus centros educativos ata o Pazo de San Marcos e Monforte.

Esta iniciativa, subliñou a Deputada, “é unha boa forma de fomentar a conciencia social no respecto e o coidado do medio ambiente nun tempo de emerxencia climática que entre todos e todas temos a obriga de combater”.

O proxecto estará aberto para o público en xeral, aínda que as actividades, todas de carácter gratuíto, están dirixidas principalmente a alumnos e alumnas de Educación Primaria e a ESO. Mañá mércores, ás 9.00 horas, abrirase o prazo de inscrición nos obradoiros que terán lugar na Deputación de Lugo. A solicitude poderá realizarse a través do correo electrónico ieo.vigo@ieo.es

Xunto a Pilar García Porto, na presentación do programa participaron Victoria Besada, Directora do dentro Oceanográfico de Vigo, e Isabel Rivero, investigadora do organismo. Besada comentou que con esta iniciativa permitirán a aqueles que se acheguen á mostra “ser investigadores por un día, poderán manexar o noso instrumental, co que traballamos cada día, e tamén coñecer as nosas instalacións a través dunhas gafas de realidade virtual”.