Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Ribadeo acolle o proxecto europeo Inclusión e Empregabilidade

Por 29 Xaneiro, 2020Sin comentarios

Comezou en Ribadeo a xuntanza formativa do proxecto europeo Inclusión e Empregabilidade mediante a Tecnoloxía do Vehículo Eléctrico, que está a coordinar APAGA (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia). Preto de 30 profesores de sete países danse cita no Centro Pedro Murias, procedentes de Romanía, Lituania, Italia, Portugal, Turquía, Croacia e diferentes puntos de España. Realizan actividades formativas, en horario de mañá e tarde, que compaxinarán con saídas para coñecer Ribadeo, á praia das Catedrais e Mondoñedo, entre outras localizacións da Mariña lucense.

A responsable do proxecto, Beatriz Fernández, explica que “estamos facendo o segundo encontro de formación do proxecto que estamos desenvolvendo este ano e o ano que ven, que se chama Inclusión e Empregabilidade mediante a Tecnoloxía do Vehículo Eléctrico. O que nos ocupa esta semana son dous aspectos da formación, un sobre o Passthur de todas as marcas de vehículos actuais, e outro sobre deseño 3D porque parte dos materiais que se van fabricar neste proxecto van incluír 3D máis toda a información na que se está a traballar agora co poñente que está dando a formación aos nosos compañeiros”.

Fernández Paredes contou que “estamos toda a semana en horario de mañá e de tarde, que se complementa con outro tipo de actividades nas que tamén imos progresando no traballo que se vai facendo no proxecto. Necesitamos consensuar moitas cousas e entón faise en horario de mañá a formación e pola tarde o traballo complementario”. 

A responsable deste proxecto europeo engadiu que “estamos aquí representantes de sete países, aínda faltan algúns que se van ir incorporando, pero agora mesmo hai vinte persoas, máis case o equipo español ao completo. No proxecto en total son sete países e por cada país colaboran cinco dos profesionais de cada un dos centros que están implicados, que son expertos e especialistas na materia que estamos a traballar, así que somos un grupo de persoas bastante numeroso e coordinar a tanta xente non é moi fácil ás veces”. 

Beatriz Fernández dixo que “en principio imos ter tres xuntanzas de formación, a primeira fixémola en Lisboa, a segunda estámola facendo aquí en Ribadeo, a terceira farémola no mes de marzo en Italia, e todo isto complementámolo con outras reunións transnacionais onde se progresa, se avanza, se corrixe e se matizan elementos do traballo final que temos que publicar. A vindeira xuntanza deste tipo vai ter lugar, no mes de maio, en Lisboa e despois proseguiremos no ano que ven con outros encontros. A idea final é darlle forma a un traballo bastante profesional dedicado ao alumnado da FP Básica, que é a formación profesional básica inicial, que é o noso obxectivo, proporcionar materiais sobre o vehículo eléctrico para ese tipo de alumnado”. 

O presidente de APAGA, Álvaro Doural, sinalou que “as actividades complementarias veñen sendo un pouco parecidas ás que facemos cos grupos que veñen aquí a Ribadeo, visita ao Concello de Ribadeo, a lugares típicos como a praia das Catedrais e o porto de Rinlo, visita tamén a Mondoñedo, e imos ir a Taramundi. Dentro do marco no que se move a asociación, no seu proceso de internacionalización, este ano vai ser moi potente de actividades. Creo que se está facendo un traballo importante, cada vez máis xente se está incorporando á asociación, penso que imos por bo camiño”. 

Para Doural “o tema Erasmus é un dos nosos buques estrela, está aportando moito, tanto para alumnos como profesores, e tamén para institucións e para os pobos. Creo que con iso tamén lle damos visibilidade á zona, A Mariña ou a outra zona onde van alumnos. Dentro duns días alumnos de Chantada estarán en Italia. Esperemos que esta xuntanza saia moi ben e que, a parte do traballo que se fai, isto forma moito grupo, a xente normalmente marcha de Ribadeo moi contenta e acostuma a volver”.

Os profesores que acoden a este encontro transnacional visitaron onte, luns, no municipio pontevedrés de Porriño o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia e o Centro Tecnolóxico Aimen.