O alcalde de Foz dá por zanxada no Pleno a polémica sobre o Centro de Día

Despois do Pleno extraordinario da corporación municipal de Foz celebrado onte a tarde o alcalde, Fran Cajoto, valora “moi negativamente a actitude do portavoz do Partido Popular e dá por zanxada a polémica suscitada polo PP”.

O rexedor municipal explicou que “nunha tarde intensa quedou perfectamente claro quen traballa por defender o servizo público da residencia e por resolver calquera problema administrativo e quen está por entorpecer, por manipular e por atrancar o labor do equipo de goberno. A actitude do PP actual e do seu portavoz na oposición é inaudita. A oposición quere usar de maneira propagandística un suposto problema que non existe e pretende enganar á opinión pública aínda a costa de desprestixiar o servizo que se está a prestar na residencia e centro de día públicos. Chegamos ao extremo de que o PP critica a convocatoria do pleno extraordinario que eles mesmos solicitaron, aínda tendo a posibilidade de debater o asunto na sesión ordinaria deste mesmo xoves. Para evitar un sobrecusto a todos os veciños de Foz a celebración de dous plenos o mesmo día implica que só se cobre por un deles”.

Fran Cajoto engadiu que “o Partido Popular pretendeu centrar o debate no suposto conflito de intereses entre a actividade empresarial da ex compañeira de goberno Acela Verónica Peña Castiñeira, que non ostentaba ningunha responsabilidade en Asuntos Sociais, e o propio Concello. De forma capciosa e manipuladora falan de supostos, cando os feitos son que non tendo obrigación ningunha por incompatibilidade, segundo a lexislación, a concelleira dimitiu o pasado mércores día 22, en aras dunha maior transparencia e pola boa imaxe do equipo de goberno. Somos moi críticos coa actitude do Partido Popular e coa manipulación respecto á dimisión, cando precisamente dous dos seus colaboradores máis directos abandonaron o barco sen recoller a acta”.

O alcalde de Foz destaca que o equipo de goberno “traballa e traballará por ofrecer o maior número de servizos e da maior calidade na residencia e centro de día de Foz. Son os servizos técnicos municipais, e así se aprobou en pleno, quen deben informar dos procedementos a seguir trala denuncia presentada por Aloumiños e é o pleno, e non outro órgano, quen debe aprobar a solución definitiva para garantir unha residencia e centro de día aberta o maior número de horas posible”.

Etiquetas