Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O PP de Viveiro propón bonificacións fiscais para incentivar o uso de vehículos verdes

Por 5 Febreiro, 2020Sin comentarios

Unha vez máis, o grupo municipal do PP en Viveiro propón ao Pleno da corporación local que adopte medidas para fomentar o transporte sostible no municipio. Dado que o goberno presidido pola alcaldesa María Loureiro é incapaz de tomar decisións por si mesmo, neste terreo igual que noutros moitos, os populares presentan propostas para mellorar Viveiro.

Nesta ocasión, e con fin xa citado, o grupo que ten por portavoz a Óscar Rodríguez, defenderá no Pleno de hoxe, mércores, por medio de Inma Nespereira, unha proposta que inclúe establecer bonificacións no Imposto de Circulación para os coches de parcial ou cero emisións contaminantes, así recoñecidos pola DGT. Esta é unha medida que xa poñen en práctica gran número de concellos de España.

Os populares tamén propoñen recoller nos pregos de condicións das próximas renovacións das concesións de transporte colectivo urbano de viaxeiros,  servizo de augas e saneamento, e do de recollida de lixo, así como de todos aquelas outras que necesiten vehículos para realizar as súas funcións, unha valoración preferente das propostas que garantan o uso de flotas híbridas, eléctricas ou de emisións cero.

Igualmente, a iniciativa que os populares someterán a debate plenario inclúe promover a instalación de puntos de recarga eléctrica, garantindo a presenza como mínimo dun punto na zona ORA. Segundo esta proposta, o Concello instará ás áreas comerciais que aínda non dispoñen de puntos de recarga a que as instalen. Igualmente deberán contar con este servizo  as zonas de aparcamento das instalacións deportivas municipais, así como a parada urbana de taxi. 

Por último, o PP defende que se inste a Aparcamientos A Mariña, empresa vinculada co Concello, a instalar como mínimo un punto de recarga e promover paulatinamente a conformación da flota municipal con vehículos de emisión cero.

Os edís populares consideran que é «evidente a necesidade dun medio ambiente limpo e sostible». Recordan que no ano 2017 a Comisión Europea presentou un conxunto de medidas entre as cales se propoñía que os vehículos reduciran un 30 % as emisións de dióxido de carbono. No PP destacan a necesidade da renovación do parque de transporte dado que envelleceu significativamente durante os anos da crise económica. A Administración, din os concelleiros populares, ten que adoptar medidas de estímulo ao uso de vehículos verdes. Sinalan: «O concello de Viveiro, como Administración máis próxima ao cidadán, non pode manterse alleo a esta realidade e debe impulsar, na medida das súas posibilidades, o cambio».